Atalaia

Isaac Cordal e Roi Fernández, Calamar, 2008. Fotograma do videoclip
> Isaac Cordal e Roi Fernández. Calamar
Datas: 13/05/2011 - 31/07/2011

Descrición

Con motivo da exposición I Love You no ano 2008, o CTB incluía un videoclip dimensionándoo como un xénero autónomo e dotado de infinitas posibilidades creativas. É verdade que non se trataba dun videoclip calquera: o autor era Chris Cunninghan, responsable dalgunhas das imaxes máis provocativas e inquietantes da historia da creación audiovisual. Os robots amándose ao ritmo da voz rota de Björk, conseguiron formar parte dunha das citas indiscutibles da arte contemporánea: a Bienal de Venecia de 2001. Do mesmo xeito, e como un complemento enriquecedor ao protagonista principal de A Tropa de Misteriosas Mans Flotantes, isto é, o debuxo, quixemos dedicar o Vídeo do Mes a unha das creacións máis gabadas realizadas en Galicia no contexto da animación audiovisual. Estámonos a referir ao videoclip Calamar de Isaac Cordal (Pontevedra, 1974) e Roi Fernández (A Coruña, 1979), dous creadores multidisciplinares que partindo da elaboración de aproximadamente 800 debuxos compuxeron, para o grupo musical The Homens, todo un sinal de identidade así como unha imaxe dunha rotundidade indiscutible, demostrando como as marxes do debuxo se expanden máis alá dos límites nos que a tradición o tiña enclaustrado. Creatividade pura e dura.

Fonte: CTB