Iván Prieto (O Barco de Valdeorras -Ourense-, 1978), leva vivindo e traballando en Berlín desde o inverno de 2011, polo que a meirande parte das pezas desta mostra foron realizadas en Alemaña. O título da exposición, Brummschädel, fai referencia á etapa de resaca constante, de mareo que estamos a vivir actualmente debido á saturación de información por parte dos medios. "Continuamente nos presentan centos de imaxes e noticias que provocan en nós unha especie de desconcerto" -apunta Prieto-, ademais dunha perda do valor do que se conta por causa da repetición masiva (facebook, twitter, ...).
Toda a exposición, que consta de vinte obras, xira en torno a idea clásica de busto ou cabeza. Daquela, trátase de retomar este concepto clásico que antes atendía á psicoloxía dun personaxe concreto, pero agora a intención é a de retratar o corpo social en xeral. "Interésame a cabeza como símbolo de pensamento, como o continente das ideas. É como un recipiente. E ningún outro material mellor que a cerámica para crear estas estruturas ocas", comenta o artista.
En Brummschädel, ademais destes bustos, aparecen tamén personaxes disfrazados. "Tendemos a enfundarnos nun traxe todos os días dependendo das situacións. Necesitamos dos diferentes disfraces para enfrentármonos a determinados roles sociais" apunta tamén o artista.
Para esta mostra, Iván Prieto experimentou con diversos materiais, tipos de arxila, de esmaltes e óxidos para obter así a diversidade no conxunto.
LINK: Imaxes de cada unha das vinte esculturas -bustos, cabezas-, no web da Galería Moret Art.
Fonte: Galería Moret Art