A exposición - A proposta de Jacobo Bugarín para a Galería 9THE13 é un traballo en proceso concibido en varias fases que se vai materializando na sala expositiva a través de accións cotiáns que se desenvolven no lugar e que o artista irá incorporando gradualmente ao proxecto. Ata o día 31 de marzo a galería funcionará como lugar de traballo e sala de documentación/acumulación das accións realizadas, na que os visitantes poderán consultar o arquivo xerado ata o momento (obxectos, marcas de posición no espazo, textos e bosquexos de cada acción), así como contemplar as imaxes xeradas polo artista durante as mesmas.
Accións - Cada mércores e venres, desde a apertura da mostra -o mércores 26 de febreiro-, e ata o 15 de marzo se incorporará unha acción á sala deixando os 15 últimos días -ata o 31 de marzo- todas as accións realizadas (15 en total), sendo unha delas a propia inauguración, situada temporalmente na metade do proxecto. Cada acción levarase a cabo polo artista o día anterior, de maneira aillada e de xeito que o público verá o resultado a partir do día seguinte mediante os bosquexos, textos e obxectos resultantes. As accións en si desvelaranse unha vez realizadas e formarán parte dos actos cotiáns do artista.
Catálogo - Con motivo da exposición, e con posterioridade á data de clausura do proxecto, edítase unha publicación que recolle o contido en texto e imaxes das distintas accións realizadas.
Web do proxecto - Se poderá seguir o proxecto a través dunha páxina web que recollerá cada unha das accións planteadas no momento no que se incorporen á galería. www.accionaislada.es
Síntese do proxecto expositivo - O traballo de Jacobo Bugarín está inevitablemente influenciado pola súa formación arquitectónica, polo que entre os seus intereses artísticos sempre aparece unha medida relación e lectura dos espazos nos que expón. Desde os seus primeiros traballos con espazos idealizados que se adaptaban ao espazo expositivo ata o seu actual interese pola percepción dos “espazos cómo son, sen máis', houbo non só un cambio de concepto estético senón tamén unha evolución artística que se centra nun xeito máis aberto de entender a idea de espazo, influído pola relación co individuo e as súas necesidades, o seu estado físico e mental. No seu traballo para esta exposición o artista aborda aspectos como a aceptación a partir da reflexión consciente, a relación entre as partes e o todo, a loita individual como principio fundamental ou o entusiasmo derivado do coñecemento en contraposición ao despotismo do mercado de masas e as recompensas do estrelato comercializado. O título da mostra, Acción aislada. [Ritualizar lo cotidiano], fai referencia ao xeito de presentar as pezas en exposición acumulándose dun modo aillado diferentes accións cotiáns que o artista levará a cabo de maneira reflexiva, plasmando as impresións propias e as xeradas pola acción no espazo e cos obxectos empregados. Ritualizar o cotián é, daquela, unha maneira de aceptar todo o que conforma noso día a día. Baixo unha apariencia de obra en proceso o artista propón así unha visión humanista e activa de entender a realidade mediante un cuestionamento dos actos como o primeiro paso para un cambio colectivo. A reflexión individual é, deste xeito, unha maneira coherente de actuar: a necesidade de entender aquilo que decidimos facer antes de facelo.
O artista - Jacobo Bugarín (1983, Santiago de Compostela), vive e traballa na actualidade a cabalo entre A Coruña e Santiago. Desde 2005 desenvolve o seu traballo artístico centrado na percepción e a relación entre o espazo-obxecto e individuo-sociedade. Entre as exposicións nas que participa cómpre salientar as instalacións creadas no Pazo de Cultura (Pontevedra, 2006), Igrexa da Universidade (Santiago, 2009) e o Auditorio de Galicia (Santiago, 2009 e 2011); a súa participación en mostras colectivas no Museo Kloster Asbach (Passau, Alemaña, 2006), Cartas de Ausencia (CBA28, Coruña, 2009), e Residentes (Aula de cultura Caixa Galicia, Santiago, 2005). É un dos galardoados cun accésit no Sétimo Premio Auditorio de Galicia para novos artistas, 2011.
Fonte: Galería 9THE13