Paul Virilio comenta no seu libro Estética da desaparición que no Londres da Segunda Guerra Mundial, a xente, abrumada pola miseria da situación, ía ao cine máis ca en nengún outro momento de bonanza.
Malia que as restriccións económicas e alimenticias eran severas, as salas permanecían abertas case as 24 horas do día e sempre había unha morea de xente ansiosa esperando para ver as películas. O cine como instrumento para fuxir da dureza da situación, a sala a escuras como refuxio no que mergullarse e experimentar outra vida allea a través dunhas imaxes que iluminaban algo máis ca aqueles espazos cheos. O obxectivo, reemprazar, por uns momentos, a vida real por unha de ficción, vivir de prestado unha realidade mellor e máis confortable.
Neste sentido e nun mesmo ambiente de precariedade, o dunha tardía posguerra en España, podemos entender o material cinematográfico atopado por Jesús Pedraza Villalba (Córdoba, 1978): uns elementos e obxectos cuxo destino inicial era un público infantil e xuvenil.
Neste novo proxecto para a Galería PM8, Jesús Pedraza Villalba evita o carácter lúdico ou de lecer que puidera ter o cine e iste peculiar ‘xogo encontrado’. O artista constrúe unha historia complexa cuxa narrativa fainos pensar non só no proceso mesmo da peza, senón tamén nas circunstancias que levan a coleccionar unhas imaxes como estas, fotogramas defectuosos de vellas películas, despoxos sen nengún sentido, que deixaron de formar parte da súa estrutura orixinal de procedencia.
J.P.V. atopou nunha pequena tenda de antigüidades o que resultou ser unha especie de xoguete ou divertimento para os rapaces españois durante os últimos anos do ‘desarrollismo’ e os primeiros anos da transición democrática. Alí chamaron a súa atención uns pequenos sobres rosas que contiñan un número similar de fotogramas procedentes de diferentes películas, anacos toscos e deteriorados que eran coleccionados, como cromos ou estampas, e vendidos xunto a uns visores rudimentarios que permitían unha mellor visualización das imaxes. O contexto é importante, xa que a percepción da imaxe era un asunto completamente distinto nos anos 70 e 80 do século XX.
Non resulta fácil voltar sobre este periodo da nosa historia recente. Conforme avanzamos non interesa mirar cara atrás, quizais para constatar que o avance tampouco foi tan grande. As imaxes atopadas, fotogramas que proxectan secuencias de películas esquecidas, actúan como lembranza de algo xa perdido, do paso inherente dun tempo que non volve.
A través do azar deconstrúese unha historia, neste caso fílmica, para crear outra nova cuns elementos que posibilitan outra lectura. Este proxecto específico para PM8 artéllase en torno a unha película creada a partir dos fotogramas atopados, fotogramas que non seguen unha orde narrativa nin unha lóxica secuencial ao uso. O que aparece diante do espectador é un ruído visual, unha película completamente borrosa... ou quizáis borrada, que alude a un pasado tamén difuso e esquecido. Semella que todo desapareceu e o que antes era o reflexo dunha presencia agora é unha ausencia manifesta ou nada máis que unha sucesión de luces e sombras.
J.P.V. traballa cun material preexistente pero sen pretensións apropiacionistas senón como un director que recorre ao colaxe para cuestionar, en certo modo, a mesma existencia ‘da/dunha realidade’ como un todo.
Xunto á proxección amósanse tamén os negativos impresos que conforman esta película, a copia orixinal en 35 mm e todos os elementos que acompañaban á peza na súa orixe, cando foi descuberta na tenda de antigüidades.
Fonte: Galería PM8