Atalaia

Jorge Perianes. Diálogos, intervención no Museo Provincial de Lugo, 2011
> Jorge Perianes. Diálogos no Museo Provincial de Lugo (2)
Datas: 27/07/2011 - 30/09/2011

Artistas

Jorge Perianes

Comisariado

Rafael Lens

Descrición

Cos proxectos Diálogos no Museo Provincial de Lugo desenvólvense unha serie de intervencións de artistas que propoñen relacións entre os fondos da colección permanente e a creación contemporánea. Estas propostas de artistas actuais achegan anovadoras visións sobre as coleccións presentando os bens culturais como algo vivo e dinámico.

Nesta ocasión, os diversos espazos e os diferentes elementos da cultura material son reintepretados por Jorge Perianes (Ourense, 1974), -como na edición anterior, de novembro 2010 a febreiro 2011, xa fixera Iván Prieto-. Nestes primeiros pasos do proxecto Diálogos artéllase un discurso relativo á capacidade de fabulación partindo dos obxectos e estancias preexistentes.

As intervencións de Jorge Perianes abranguen tres espazos do museo, dous deles son lugares tradicionalmente expositivos mentres que o outro é un espazo resultante da última ampliación do museo: unha ventá. Esta fiestra na que intervén o artista adquire un marcado carácter escenográfico, cunha teatralidade que vén claramente definida polo pano vermello ante o que o espectador se ve sorprendido pola presenza dun boneco realista, alimentando o espírito de voyeur do visitante.

As outras dúas intervencións atinxen ao museo como maquinaria cultural e ás pezas expostas. Por unha banda, na sala dos reloxos o artista intervén directamente sobre os fondos, que habitualmente están desprovistos da súa función orixinal e son neutralizados pola museografía tradicional, para convertelos en obxecto de estudo científico. Estas pezas, concibidas orixinalmente como obxectos de uso, máis que de contemplación, son recontextualizados por Jorge Perianes para transformalos en elementos dun bodegón dentro da tradición do ready made ou do objet trouvé.

Na terceira sala, ao igual que no primeiro lugar, a intervención ten o carácter de site specific, trátase por tanto dunha intervención concibida expresamente para o lugar. A novidade é que, mentres no primeiro caso ocupaba un espazo baleiro, agora adquire unha dobre natureza intervindo ao tempo sobre o espazo museístico e nas obras expostas.

Fonte: Museo Provincial de Lugo