Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Joscelyn Gardner (Barbados, 1961), reside e traballa entre Canadá e Barbados. Nacer nesta illa caribeña, colonia inglesa ata 1966, condicionou sen dúbida a súa obra, creada a partir da investigación da cultura colonial, co fin de explorar a súa identidade (branca) criolla desde unha perspectiva postcolonial e feminista. Gardner realizou exposicións individuais en EE.UU., Canadá, Europa e o Caribe, e participou en exposicións internacionais, salientando as bienais de Quebec e São Paulo, así como a XXXI Bienal de Pontevedra, Ut(r)ópicos. Centroamérica e Caribe, no 2011.
Na Galería adhoc expóñense litografías de Créoles Portraits, II e III, dúas series diferentes dos seus retratos criollos. Unhas estampacións, realizadas sobre papel Mylar, que destacan pola súa precisión técnica e beleza estética.
Créoles Portraits II -Retratos criollos II- (2007). Nesta serie emprega estratexias asociadas ao xénero do retrato europeo do século XVIII, para abrir unha liña na que as pegadas dun espazo caótico poden reconstituirse desde unha perspectiva feminista postcolonial. As litografías levan como título o nome de mulleres -Accubah, Coobah, Egypt Susanah, Margaritta, Nago Jenny, Old Moll- que viviron na plantación de azúcar Facenda Egipto, en Jamaica no 1700. Segundo o diario de Thomas Thistlewood, propietario da plantación entre 1750 e 1786, estas mulleres foron explotadas sexualmente. A artista ilustra en cada retrato os instrumentos de tortura empregados durante a escravitude: colares de ferro, freos e grilletes, entrelazados con cabelos trenzados ao estilo africano.
Créoles Portraits III -Retratos criollos III-, "bajando las flores..." (2009). Nestoutra serie, as diferentes flores están pintadas a man sobre as litografías. A artista remite ao uso segredo, por parte das mulleres negras escravas, de plantas tropicais como fármacos abortivos, como un acto de resistencia política contra a súa explotación como "criadoras" de novos escravos en protesta contra a inhumanidade do sistema escravista, e para evitar a expansión da economía da plantación. En "bajando las flores...", as formas dos peiteados trenzados ao estilo africano funcionan como retratos de escravas anónimas, entrelazados cos colares de ferro empregados para castigar ás escravas acusadas de inducir aos abortos. Cada retrato aparece ligado a un dos especímenes botánicos empregados para este propósito.
Fonte: Galería adhoc