Atalaia

Vista da exposición
> José Freixanes. Feito e des-feito
Datas: 23/01/2014 - 06/03/2014

Descrición

Feito e des-feito nace dun comportamento paranoico. Levo pintando máis dun ano co son do helicóptero rastrexando o centro de Madrid na procura de “cidadáns perigosos” nas manifestacións que a cotío se producen na cidade: polo ensino público, pola sanidade, pola cultura, polas preferentes, para impedir os desafiuzamentos, pola xustiza, polo aborto… Traballo entre a mala conciencia e a necesidade. O chan do taller está cheo de retais de roupa. Roupa doada no seu día por aqueles estranxeiros que viven no noso país. Fago e desfago, coso e descoso, quito e poño imaxes. Na miña mente a frase de Lautréamont: “Belo como o encontro fortuíto, sobre unha mesa de disección, dun paraugas e una máquina de coser”. Penso que o surrealismo é o único ismo das vangardas que ocupou comodamente o noso ADN colectivo. Así é a miña actitude plástica: mesturo máquinas de coser con paraugas sobre mesas de disección. O espectador (eu mesmo como espectador) encargarase de atopar a metáfora adecuada para que os obxectos se comuniquen. En Feito e des-feito mestúranse, máis que nunca, as linguaxes da outredade que buscaba en Arabescos, coas intervencións colectivas de Al final del amanecer, 72 silencios ou Voces de basalto negro. Escoito na radio que os 85 cidadáns máis ricos do mundo teñen tanto diñeiro como os 3.570 millóns de cidadáns máis pobres. Todos eles ocupando o mesmo planeta. Nos últimos catro anos estragamos os trinta artigos da Declaración dos Dereitos Humanos que tanto custou construír desde 1948. Sigo realizando obras sen saber moi ben o obxectivo ou os motivos que me levan a facelas. Tal vez sexa porque a pintura se converteu nunha terapia salvadora.

Texto: José Freixanes