Atalaia

José Ramón Ais. Hierbas, 4. 2009. Fotografía cor. 54x40,5 cm.
> José Ramón Ais. Dramas no xardín. Pintoresco
Datas: 14/03/2013 - 20/04/2013

Descrición

 

“No meu traballo infúen a historia da pintura, o cine, o paisaxismo, a xardinería, ao igual que toda a imaxinería kitsch relacionada coa paisaxe ou as postais turísticas. O proxecto Dramas en el jardín é un fotolibro que se inspira nun tipo de fotografía de primeiros planos dunha natureza moi idealizada que adoita ilustrar calendarios cos cambios de estacións e está realizada nos xardíns dunha urbanización de adosados.

A serie Pintoresco recolle a tradición da paisaxe occidental desde o barroco ata o romanticismo revisando conceptos como o pintoresco ou o sublime, pero tendo moi presente a versión degradada desta pintura nos cadros que, moitas veces, decoran os portais de pisos.”

“Para construír as imaxes, emprego técnicas de postprodución propias do cine como os fondos croma; a iluminación pode ser tanto natural como artificial: gústame a idea de fotografiar unha pequena erba empregando toda a parafernalia dos efectos especiais. En escenas amplas de paisaxe escollo días de ceo azul e raso; sírveme para traballar a escena como se estivera nun plató. Moitos dos elementos que fotografío os cultivo eu mesmo, nunha especie de xardín-estudio experimental, así podo fotografiar as mesmas plantas en diferentes momentos do seu desenvolvemento.”

“En ocasións as imaxes teñen máis que ver coa ciencia-ficción pola imposibilidade de que os elementos que as compoñen coexistan por temporalidade, por xeografía ou por clima: achéganse máis a escenas surrealistas ou ao resultado dunha futura evolución biotecnolóxica onde o imposible fáise máis posible.”

“No meu traballo tento analizar as múltiples imaxes da naturaleza, a paisaxe como construción cultural, emocional, sensorial, ao igual que as súas potencialidades como produtor de imaxinarios, identidades, reflexos de poder, construción de subxectividade… as súas referencias á orixe e ao mito.”

 

Texto: José Ramón Ais

 

Fonte: Galería Trinta