Durante os últimos vintecinco anos, Juan Carlos Román (Bilbao, 1961), desenvolveu unha linguaxe propia cargada de metáforas, dobres sentidos e intensidade visual. A súa obra, a diferencia da tradicional evolución da maioría dos artistas que parten das normas da tradición representacional ata chegar á síntese do seu traballo (dimensionalización, obxectualización, reduccionismo, abstracción, etc.), iníciase a través de soportes e estruturas obxetuais e conceptuais amparadas baixo a tutela da escultura e do contexto artístico vasco de mediados dos anos oitenta. Na última década deriva nunha pintura realizada por un escultor que mantén a súa intensidade discursiva, mália o paradoxo que supón contemplar forma pictórica, pero instrumentalizada desde as metalinguaxes apropiacionistas da contemporaneidade. Román é, como anuncia o título da mostra, un artista que di pensar como Dalí e pintar como Velázquez.
"… Esta manifestación de propósitos forma parte dun enfiado de ideas, imaxes, xestos e intencións que ten, entre os seus obxectivos: os límites sobre a noción de estilo, algo que en teoría forma parte do discurso académico das prácticas conceptuais, pero que na práctica costa manter. As dúbidas sobre as técnicas adaptadas aos estilos; as técnicas, que foron os descubrimentos da modernidade, hoxe as poderiamos denominar recursos; pero estes recursos, de fácil utilización pola comunidade artística, son mellor comprendidos por aqueles que herdaron os matices culturais que os xeraron (sempre me resultará estraño ver a unha bailaora flamenca Xaponesa e, do mesmo xeito, a unha artista conceptual Española). A proposición dun futuro a través do imaxinario propio, así como a recuperación simbólica da súa territorialidade significativa; Francis Bacon foi o mellor pintor inglés, se cadra porque a súa pintura era Velazqueña, e George Condo será o mellor pintor norteamericano porque a súa pintura é Picassiana. O artista é de onde nace e de onde morre. A iconografía e sentimento da quietude, todo aquelo que se move non o podo contemplar, polo tanto non me interesa. Os medios de expresión, as formas de representación nunca estiveron baleiros, todo medio conleva un fin; e isa é a razón da miña pintura. Unha pintura, agora de resistencia, pero de futuro; libre de prudencias ou de mantos que afogan os seus susurros. As imaxes dos grandes pintores de cociñas, bodegóns e mesados están alixeirados da súa propia carga histórica, da súa sobriedade monacal, do seu sentido da seriedade. Unha pintura que representa enunciados baixo unha ortodoxia apabullante e, por outro lado, unha recomposición que, sen alterar as formas, cambia o sentido das imaxes.”
A exposición presenta cinco cadros e cinco debuxos, todos eles do 2011. Os debuxos son exercicios preparatorios, bosquexos e desvelados que xa non se mostran nos cadros. Cinco proposicións, intensas, complexas e herméticas, cuxos títulos: (Bolla gallega y dos barras de pan común calzadas con sendos pimientos verdes, observan cómo un enamorado plato de huevos con chorizo, intenta depositar su amor en una joven y recatada berza, Los innumerables juegos de tres cándidos solteros desbordan los placeres caníbales de una gran dama, Seis novios moliendo su propia grasa mientras contemplan la hermosura de la turgencia, entre outros), afondan, aínda máis, na enmarañada metáfora que toda pintura de Juan Carlos Román representa.
Fonte: Galería adhoc