Juan Hidalgo (As Palmas de Gran Canaria, 1927), encarna o espírito das vangardas artísticas co seu afán por borrar os límites e ampliar as marxes da creación. A súa primeira formación foi musical, pero a súa interpretación aberta do feito creativo o converte nun artista multimedia que se move libremente polo mundo da música, a poesía e a plástica, a través dos seus libros, escritos, composicións musicais, arte postal, accións e performances, arte obxectual, accións fotográficas, etc. A versatilidade dos soportes evidencia a primacía do conceptual nunha poética despregada con humor, sexo, ironía e desmitificación. Para Juan Hidalgo os xéneros artísticos son permeábeis, e a actitude diante do feito creativo é o que define. Ao primar o conceptual, calquera soporte é válido, e neste sentido pódese considerar un creador manierista.
A biografía de Juan Hidalgo está chea de primicias. É o primeiro compositor español convidado aos míticos festivais de Darmstadt (Alemaña), o primeiro en facer unha composición electroacústica, o fundador do grupo ZAJ e o creador dos etcéteras. O seu itinerario é singular, todo o inaugura. A súa obra nunca tivo unha aceptación clamorosa, permanecía á marxe dos circuitos artísticos, e soamente nos últimos anos empeza a ser entendida e valorada. Seica ese é o destino dos pioneiros, deixar traballar ao tempo e, mentras discorre, seguir cara adiante, facer cousas e reflexionar... Como fai Hidalgo, que sinala ao tempo como o vehículo primordial e ineludible do material sonoro, da gramática musical. E que tamén afirma: Calquera actividade, mesmo pensar, é música. Conclusións radicais que orientarán a súa estratexia fronte ao feito artístico, á búsqueda dunha linguaxe non exclusivamente sonora.
E entón aparece ZAJ, no Madrid de 1964, o grupo de vangarda máis perturbador dos últimos corenta anos na arte española, manifestándose con arte postal, libros, accións e concertos. Aínda que ZAJ é un grupo aberto ao que se suman algúns artistas, os membros cardinais son Juan Hidalgo e Walter Marchetti, e posteriormente Esther Ferrer. Un concerto ZAJ é música para os ollos e para os oídos, suxerencias dadaístas e futuristas, instrumentalización do silencio e do ZEN. Neles hai música e tamén hai algo máis. O teatral e o musical navegan nun mesmo escenario.
O traballo de Juan Hidalgo ten sido recoñecido con distincións como o Premio Canarias 1987 de Belas Artes e Interpretación, a Medalla de ouro ao mérito nas Belas Artes do Ministerio de Cultura de 1989 e a Medalla de ouro do Círculo de Bellas Artes de Madrid en 2001. Entre as súas exposicións, salientan a retrospectiva ZAJ (Museo Reina Sofía, Madrid, 1996), a antolóxica De Juan Hidalgo (CAAM, Las Palmas, e La Recova, Santa Cruz de Tenerife, 1997), a retrospectiva En medio del volcán, que viaxou por museos de México e Perú en 2004, e Desde Ayacata. 1997-2009 (Artium, Vitoria, 2010). Na actualidade segue a desenvolver unha prolífica actividade con exposicións, concertos, accións, obradoiros e conferencias. Juan Hidalgo é a creatividade pura, sen contornas. Ás veces grácil, outras brutal, sempre transgresora.
"A arte é como estar na casa un domingo pola mañá con sandalias, camiseta e calzoncillos
é o paraíso perdido de Milton, a idade da inocencia
é o penetrante aroma das retamas brancas, rosas e azuis dos cumios canarios
é o láser que todo o atravesa
é a bomba atómica do ser
é o orgasmo continuo da intelixencia
é a roña dun pé que non se lavou xamais
é o perfume das heces fecais dos mortos
é a arte que toma a mellor parte
é…”
Juan Hidalgo
Fonte: Galería Trinta (setembro 2011).