Atalaia

Juan Loeck, agochado de costas, traballando na Venus de Milo 1:1
> Juan Loeck. 1:1
Datas: 30/10/2010 - 09/01/2011

Artistas

Juan Loeck

Descrición

1:1 é o símbolo que explica unha relación natural ou a escala que se utiliza para representar obxectos no seu tamaño real. E non obstante, as representacións que nos presenta Juan Loeck (Santander, 1959) non pretenden falarnos do mundo segundo as súas medidas obxectivas, senón máis ben tamizalas por un filtro emocional. Cada unha das súas obras é unha xesta, un proceso épico co que intenta resolver un novo misterio relacionado coa materia e cos seus propios alcances artísticos. De aí a súa afiliación dende os anos 80 á arte procesual, unha devoción infatigable que o levou a consagrar a súa vida artística ao estudio do proceso creativo en detrimento da produción de mercadurías da arte.

Loeck vén realizando unha única peza dende o inicio da súa carreira, formulando interrogantes que intenta resolver dende diferentes aproximacións. A Venus foi un dos piares temáticos sobre os que o autor cimentou as súas reflexións, entendendo a súa relación coa materia como unha “conversación” con diferentes modelos e materiais sobre os que exerce modificacións, manipulacións…, conspiracións que observa e documenta ata o máis ínfimo detalle.

A pretensión ambiciosa de representar un mundo en escala 1:1 reflicte unha morriña por modelos do pasado ausentes na contemporaneidade. Loeck localiza estes modelos nas aberturas menos aparentes da materia, e preséntanolos encarnados na ausencia do molde da impoñente Venus de Milo, a deusa do amor e a beleza. Como en anteriores ocasións, o achegamento á deusa da beleza en 1:1 é un interrogatorio á matemática da construción artística, á dificultade material de manipulación dun obxecto de semellantes dimensións e ás complexidades do proceso de construción do obxecto da arte.

Exposición montada na Sala de Proxectos

Fonte: Centro Torrente Ballester