Atalaia

Alberto Korda. El guerrillero heroico (Ernesto Che Guevara). 1960. Fotografía b/n
> Korda: coñecido descoñecido
Datas: 22/12/2010 - 27/03/2011

Artistas

Alberto Korda

Comisariado

Cristina Vives

Descrición

A mostra 'Korda, coñecido descoñecido' organizada pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais do Concello de Santiago de Compostela, foi inaugurada o mércores 22 de decembro de 2010, na sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia. A exposición, que é froito do traballo de colaboración entre La Fábrica, o Estate Korda e a Casa de América de Madrid, agrupa por primeira vez o resultado dunha extensa investigación desenvolto pola comisaria da exposición, Cristina Vives, que permite comprender o legado do fotógrafo cubano Alberto Korda (La Habana, 1923 - París, 2001), un dos fotógrafos máis relevantes do século XX, tanto polo seu importante labor no mundo da moda e da publicidade dos anos cincuenta, como pola súa excelente representación da revolución dos anos sesenta e, mesmo, a súa fotografía submariña.

Korda gozou en vida dun dos máis internacionais recoñecementos como fotógrafo do chamado periodo "épico" da Revolución cubana. Fama gañada en particular pola reproducción mundial da súa fotografía do "Che" que durante cincuenta anos foi o emblema do humanismo revolucionario mundial. A exposición, formada por unha selección de máis de 200 fotografías, estrutúrase en cinco ámbitos temáticos: Studios Korda, Os líderes, O pobo, A muller e O mar.

Gran parte das imaxes que se presentan permaneceron inéditas e moitas delas nunca foran expostas, unha realidade que foi posible grazas á estreita colaboración de Diana Díaz, filla maior de Korda e herdeira da súa obra. A maioría das imaxes foron tomadas polo artista entre 1956 e 1968. Do traballo que durante máis de 10 anos os estudos Korda estiveron realizando, só se coñecen aquelas imaxes que se puideron rescatar logo da intervención das autoridades revolucionarias en marzo de 1968. As imaxes que se conservan, representan un 20% dos arquivos totais.

A exposición permanecerá aberta ata o 27 de marzo de 2011 e pode visitarse todos os días de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 20.00 h (excepto os días de concerto que pecha ás 19.00 h).

Fonte: Auditorio de Galicia