O absurdo. Este é o gran motivo de reflexión sobre o que traballa a exposición Espiñas coroadas, do artista Lito Portela (1958, Moaña, Pontevedra), e o comisario Carlos L. Bernández, que ocupa Alterarte, a sala de arte contemporánea do campus de Ourense. Como focos de interese, Portela emprega tres elementos da vida cotiá: o marco dun cadro, un banco e unha escada; e impide o seu emprego lóxico colocando unhas espiñas que baleiran de sentido a existencia destes obxectos. Se unha escada non pode ser subida, para que serve? A resposta: para reflexionar sobre o absurdo de moitos aspectos da realidade.
Na mostra Espiñas coroadas, Lito Portela explicou que quixo xogar "coa paixón, a comunicación e o absurdo" que se plasman "nun marco de espiñas no que non hai nada, nun banco con espiñas onde non te podes sentar e nunha escada con espiñas onde non podes subir". Estas tres pezas ocupan a sala e están acompañadas por textos do escritor Manuel Romón e por música de Julián Hernández que pretenden afondar nesta idea do absurdo. Unha mostra moi conceptual na que o autor, máis que describir con palabras as súas características, convida aos interesados a achegarse a esa escada de espiñas e experimentar as sensacións que provoca.
Metáfora e escenario. "Espiñas coroadas é un proxecto especialmente estimulante, unha instalación con rigor formal e moi profundo que permite diferentes lecturas", explicou o comisario da mostra e crítico do xornal Faro de Vigo. "Estamos perante unha obra de substrato conceptual, que dá importancia ao acabado, ás texturas e á localización espacial. Unha peza que se conforma como metáfora, como escenario e obxecto, ao se situar nun plano e nunha orde diferente, con moito de literario e tamén de arqueolóxico", apuntou. O realismo da representación na mostra non fica, segundo Bernárdez, na pátina superficial, senón que "se mergulla no máis intenso da tradición da representación, da construción escultórica, provocando unha aguda sensación de estupor" no que olla a obra artística de Portela.
Tanto o comisario da exposición como o director de Alterarte quixeron salientar o feito de que con esta mostra de Lito Portela a sala de arte contemporánea do campus non só dá entrada aos creadores máis xoves senón tamén a figuras consolidadas en Galicia que xa contan con certa idade e traxectoria. "Que Alterarte se abra a artistas doutras xeracións, non só aos máis novos, enriquece aínda máis esta sala e o seu traballo expositivo", destacou Xosé Manuel Buxán. Un feito tamén reivindicado por Carlos L. Bernárdez, que criticou o feito de que "na tendencia extrema da procura da mocidade, ás veces hai unha percepción de que os artistas a determinada idade desaparecen".
Fonte: Rosa Tedín / DUVI, Diario da Universidade de Vigo / Sala Alterarte / Campus de Ourense.