Jasmina Llobet (1978, Barcelona) e Luis Fernández Pons (1979, Madrid) traballan como colectivo e viven en Berlín desde 2001, desenvolvendo o seu traballo no campo da instalación, escultura e proxectos no espazo público. Na exposición que presentan na Galería adhoc ofrécese unha escolma dos seus últimos debuxos e esculturas, creados durante unha estadía artística en Xapón no verán de 2011, no centro Akiyoshidai International Art Village. Tamén mostran a súa peza máis recente, Asemais anogerf -unha inversión das palabras Fregona siamesa-, realizada neste 2012 e que dá título á exposición.
Nesta nova obra, Llobet & Pons propóñennos unha homenaxe á figura da fregona. Este obxecto cotián, tan fundamental nas nosas vidas de hoxe, foi tema de discusión en numerosas ocasións e máis recentemente, o 16 de decembro de 2011, pola morte do seu inventor (un rioxano residente en Zaragoza, que creou o utensilio tralo seu paso por Estados Unidos, onde observara un artefacto similar utilizado para limpar o aceite dos avións dos hangares). A autoría do invento suscitou unha polémica, cuestionada e reclamada por varias persoas internacionalmente. Llobet & Pons crearon un obxecto siamés e absurdo que se quere separar pero é indivisible, un espellismo no entorno cotián, comparándoo co "tira e afrouxa" da discusión sobre os dereitos de autor da fregona.
Do que non hai dúbida é de que a fregona cambiou para sempre o concepto de limpeza doméstica, supoñendo unha gran contribución social e un invento tan orixinal como práctico. Antes, o chan frégabase de xoenllos, algo que hoxe en día pódenos parecer remoto e esquecido.
O cotián é o elemento principal e o fío condutor que podemos observar en todos os traballos expostos, acadando formas e desenvolvéndose en disciplinas moi distintas. Llobet & Pons baséanse na observación do cotián e no diálogo como ferramenta creativa. Particularmente interesados nas relacións entre obxectos, toman elementos do cotián para darlles a volta e crear novos significados. Neste caso, a fregona é manipulada para crear un sistema capicúa aplicado ao doméstico, unha simetría tridimensional dos obxectos cotiáns.
Fonte: Galería adhoc