Coa exposición de Loreto Martínez Troncoso, o MARCO inaugura o ciclo titulado "Entrar na obra", que se desenvolverá nas salas do primeiro andar, e cuxo nome está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo, Entrare nell’opera (1971). O paradoxo que rodea o concepto de espectador, e que o sitúa entre a pasividade e a acción, é o punto de partida desta serie de proxectos, que analizan ao público, ao visitante, ao espectador, á audiencia, como un elemento inherente á obra.
Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978) constrúe situacións a partir de textos, da palabra escrita ou falada, da linguaxe e dos silencios. A exposición do MARCO -primeira individual desta artista- reúne traballos realizados entre 2009 e 2011 -dúas pezas sonoras, unha pequena biblioteca, unha planta, un facsímile de óleo sobre lenzo dun artista anónimo, unha proxección de vídeo, un texto en transparencia, un pensamento na parede, e unha proxección de diapositivas- que na súa maioría funcionan como documentos do proceso de creación. A peza máis recente, a instalación sonora titulada "No sé si me da miedo la muerte, no sé casi nada desde que llegué al mar" [sobre el miedo, esbozo#1], do 2011, é resultado de varios obradoiros e entrevistas realizados pola artista con grupos de estudantes de Bacharelato (IES Val Miñor, Nigrán), Primaria e Infantil (CEIP García Barbón, Vigo), e adultos, e acompáñase dunha selección de debuxos dos alumnos participantes nestes talleres.
O ciclo "Entrar na obra", concebido por Iñaki Martínez e Agar Ledo -respectivamente, director e responsable de exposicións do MARCO-, iníciase con Loreto Martínez Troncoso, para continuar a partir de abril con Wilfredo Prieto (Sancti-Spiritus, Cuba, 1978), ao que seguirán as propostas de Rubén Grilo (Lugo, 1981), Karmelo Bermejo (Málaga, 1979), Judi Werthein (Bos Aires, Arxentina, 1967), e Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979).
Fonte: MARCO