Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
"Regardez votre vie par vous-même et dites-mois honnêtement ce que vous voyez"
["Revisa a túa vida, e sinceiramente dime que ves].
Loreto Martínez Troncoso
Comment faire parler le Silence? (Cómo facer falar ao silencio?). Baixo este enigmático título desenvólvense os Interludios, o primeiro acto dunha serie de eventos, performances e intervencións activadas por Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978), interludios cos que habita os espazos baleiros da Galería PM8 de Vigo entre exposicións. Durante o programa preséntanse diversos traballos da artista, pezas que xeran un diálogo coa audiencia, unha conversa que permite ao espectador entrar na súa obra, como un eco da súa propia mente.
"Interludio: (Del lat. interludere, xogar a ratos). 1. m. Mús. Breve composición que executaban os organistas entre as estrofas dunha coral; modernamente execútase á maneira de intermedio na música instrumental." Esta referencia relativa a un periodo que separa dous puntos no tempo e no espazo, estes baleiros residuais ou intérvalos entre diversos acontecementos, veñen interesado a Loreto M. T. desde o principio da súa carreira; estados físicos ou mentais que ten ocupado e que lle serviron para posicionar e presentar o seu traballo.
A través do acto de tomar a palabra ou de actuar, ou mesmo a través dos textos e escritos que emprega noutras pezas, a artista leva ao público a un lugar no que terá que se enfrontar cos seus medos e desexos. A súa voz emerxe a través dos espellos do noso inconsciente, como o personaxe da morte interpretado por Maíia Casares en Orphée (1950), a película de Jean Cocteau; inesperadamente o espello da nosa mente vibra, derrítese, facilitando a entrada da súa voz no noso interior, alí onde residen os nosos máis profundos pensamentos.
Recurrentes na súa obra son conceptos como memoria, medo, perda, elementos que reforzan o carácter introspectivo da súa produción e que manifestan unha preocupación existencial, entendida como parte dun proceso artellador na construción dunha identidade afianzada a través do coñecemento maila experiencia.
A míudo, a voz de Loreto Martínez Troncoso encontra nas palabras e nos textos doutros unha prolongación das súas propias conviccións e ideas, e así as citas convírtense nun aspecto esencial no que se re-descubre, atopando nestes escritos un camiño que activa a súa propia determinación vital. A través destas palabras e textos crea traballos e situacións que lle axudan a elaborar unha ficción que, paradoxalmente, é ao mesmo tempo autobiográfica. É, daquela, cando fáise evidente a importancia da linguaxe e da intertextualidade como ferramentas esenciais para transmitir e comunicar co público.
Comment faire parler le Silence? é unha re-activación dun traballo que foi interpretado baixo outros nomes, e noutros lugares, contextos e situacións diversas, un traballo que se transforma e evoluciona cada vez que se representa. Poderiamos dicir que re-nace cando se activa diante dunha nova audiencia. A peza inaugura este ciclo no que a artista crea e re-crea novas e vellas obras, como anacos dun libro nos que a voz, as palabras e o proceso da escrita configuran e articulan o que se evidencia como a posta en escena dun potente manifesto artístico.
Os interludios forman parte dunha constelación de traballos que, baixo o epígrafe de Fuga de Otoño, engloba un proxecto con diferentes ramificacións materializadas en diversos lugares ao longo do outono 2012; como a fuga musical, Loreto concibe estas intervencións como un único movemento no que se desencadean múltiples voces. Fuga de Otoño ten o seu punto de partida no centro La Ferme du Buisson (Noisiel, Francia), onde celebrou a súa exposición individual Ent(r)e, e desde alí estende as súas pólas ata a Fundacion Luis Seoane (A Coruña), coa mostra colectiva Método [...]: montaxe [...]. Ecos de Baudelaire, Brecht e Benjamin -comisariada por Manuel Olveira-, e, finalmente, na Galería PM8 (Vigo), onde continúa ata finais de 2013.
Texto: Francisco Salas
Fonte: Galería PM8