Loureiro. Perfís de realidade é unha exposición retrospectiva que repasa a última década de traxectoria creativa do artista. Tomando como punto de referencia a anterior mostra celebrada no centro no ano 2002, formulamos un percorrido que reúne os proxectos máis relevantes desta etapa, así como unha gran cantidade de obra inédita; exemplo da intensidade creadora e a capacidade evolutiva de Loureiro.
Fiel á estratexia pictórica, do seu traballo derívase un interese intrínseco ao feito artístico, un compromiso coa experimentación do que xorden debuxos, esculturas, instalacións, cadros monocromos e imaxes que conectan directamente coa natureza. Observando a obra de Loureiro descubrimos calidades como o refinamento, a sutileza técnica e un lirismo impregnado de luz e misterio. Apreciámolo desde as súas paisaxes figurativas, onde un primeiro achegamento á técnica impresionista deixa paso ao informalismo para evolucionar posteriormente cara á abstracción. Unha evolución absolutamente coherente que comparte coa natureza máis do que a simple vista poderiamos descubrir. De aí xorde o título; Perfís de realidade. Unha intersección entre dous termos aparentemente incompatibles que Loureiro conxuga, disemina e alterna xogando a combinar realidade e abstracción coma se fosen, que o son, a mesma cousa.
Esta exposición ofrece ao espectador a oportunidade de reencontrarse co traballo do artista ferrolán, sinalando a potente presenza de creadores galegos na cidade.
Fonte: Centro Torrente Ballester