Atalaia

Luis Moscardó. Os ollos queimados. 2009. Mixta/papel/lenzo. 112,5x76x5 cm.
> Luis Moscardó. Mirar por dentro
Datas: 04/10/2012 - 04/11/2012

Artistas

Luis Moscardó

Comisariado

Carmen Cabaneiro

Descrición

O templo e os seus camiños

Unhas tebras que prometen e as veces ameazan abrirse. E é difícil crer que quen percorre tal camiño non se vexa acometido polo temor e un tremor case paralizantes. É a luz dunha viaxe máis ben extrahumana, que o home emprendía asomándose ao do alá, a ise lado o cal se lle supuxo, cada vez cunha maior lixeireza, que só se asoman os místicos. É a luz que se albisca e a luz que acecha, a luz que produce ferida. A luz que acecha na inmensidade dun horizonte onde perderse semella inevitable, e que fire cun raio que esperta alén do sostible, chamando á completa vixilia, isa onde a mente se prendería lume toda. (María Zambrano, La respuesta de la Filosofía. Ed. Siruela, 1990).

Pasar alleo a un mesmo, e polo tanto ao exterior fenoménico que se constrúe dende nós, ou dirixir a mirada ao interior na procura de claves. Navegar nas aparencias ou transcendelas nunha busca tráxica para o ser humano de Occidente sempre amparado nunha racionalidade herdada dende Platón que tralas filosofías da sospeita queda en entredito. Claves ansiadas para acadar un coñecemento que nos permita ver, movernos na vida.

Mirar por dentro, de Luis Moscardó (Beniganim, Valencia, 1950), incide en raíces non só estéticas senón antropolóxicas coa súa investigación plástica. Como para María Zambrano, todo é xogo de luz e sombras, pero o ámbito do pensamento é o ámbito da penumbra, aínda que sexa penumbra lúcida. A súa razón poética propón tender un fío no abismo entre razón e vida. Filosofía e poesía, arte. Non todo no ser humano é razón como xa nos lembraba Nietzsche. Desexo, paixón, intuición… forman parte de nós, escindíndonos por dentro. Esa razón poética intenta recuperar a unidade perdida nunha difícil estratexia que trata de reconciliar fragmentos vitais tal como o autor cose feridas sobre os seus papeis. A distinción entre mirar e ver, a loita entre o que se nos presenta e o que subxace en planos profundos. Esencia fuxitiva que require un exercicio de reflexión sobre significados existenciais e recursos metodolóxicos de expresión. Un transitar persoal que reflicte en Luis Moscardó un claro cruce de culturas entre a exuberancia barroca e visual do Mediterráneo que trata conscientemente de conter para ir ao esencial, e o misterio das brumas ambigüas de Galicia, onde todo pode acontecer, tan presente tamén nas súas pinturas.

A vista como sentido vinculado á razón, analítico e intelectual, foi asociado tradicionalmente aos saberes e ámbitos de poder masculinos e públicos fronte a outros sentidos como o tacto, olfacto ou gusto, maioritariamente femininos e privados no seu devir histórico. Occidente non incorporou eses saberes femininos aos seus estudos oficiais perdéndonos así, todos, dimensións que especialmente as mulleres desenvolveron nun plano moito máis íntimo e silenciado (que non silencioso). Fronte a isto, o autor recupera, intelixentemente, ambos ámbitos nas súas colaxes. Construímos o que consideramos realidade dende territorios cheos de fronteiras. Ás veces, os códigos herdados son unha prisión que debemos transgredir en busca doutras coordenadas desde as que descifrar o que nos rodea, nunha expresión próxima a Gracián que inspira o título da mostra e que no seu Oráculo sentencia: No todos los que ven, abrieron los ojos; no todos los que miran, ven [aforismo 230]. Facer explícito o que non é evidente require dedicar un tempo a explorar as relacións que se establecen en pasadizos fascinantes pero moitas veces só intuídos. Enigmas que emerxen do profundo e nos arrastran a lugares que enredan os nosos pasos por camiños menos transitados no cotiá. E así, vai aparecendo neste traballo un universo simbólico que dialoga coa poesía intimista de Luis Pimentel e continúa proxectos anteriores como Un ceo de farrapos, tentando incorporar formalmente outros elementos ás colaxes como os grafismos ou a pintura. Un punto de inflexión no que aparecen reminiscencias orientais no tratamento dos papeis ou a fonda impresión deixada polos retratos exipcios funerarios de Al Fayum, que trataban de condensar a esencia do ser representado, retando así á morte. Aparece aquí de novo, como tantas veces aínda, o antigo significado grego da verdade da cal o contrario non era a mentira senón o esquecemento (letheia), verdade como desvelamento (aletheia), tal como Luis Moscardó parece convocar coa súa disposición formal en diversos planos de papeis superpostos así como na estratificación de significados que son tendidos ou retirados en tensión coa súa propia búsqueda. Esta tensión na proposta do autor parece remitir a un intento do coñecemento íntimo da realidade, propósito que devén insubornable na arte, e abre novas dimensións metafóricas a un discurso plástico que pretende a comprensión e expresión do que permanece a miúdo oculto. A fractura entre pensamento e arte denuncia a fenda interna entre contemplar a realidade e actuar sobre ela, aprehendela doce pero tamén dramaticamente. A carencia desa unidade no noso interior dispara a necesidade de tender pontes entre o fragmentario, expostas simbolicamente cos fíos e os distintos materiais nas súas pezas. A escenografía e narratividade da súa obra están en función dun obxectivo que non deixa de ser tamén ontolóxico, dar conta explícita dende as diversas dimensións enfrontadas no Ser, das que a reflexión, a creación ou a comunicación non son máis ca perspectivas diferentes dunha mesma realidade.

A beleza sutil en interacción discursiva coa realidade mostra a esencia na que Luis Moscardó indaga. Esencia que como tal é metafísica e queda fóra do que Ludwig Wittgenstein chamaba o ámbito do dicir, da linguaxe. Esta dimensión transcendental do mostrar, diferente ao dicir, non perde no autor a súa sensualidade construíndo un tempo lento e despregando un imaxinario singular cheo de matices e formas suxerentes. Sin voz que lo cuente, o título dunha das súas colaxes, revela que aquilo que é máis importante, o sentido da existencia e da propia obra, queda no ámbito do silencio, fóra do mundo do dicir pero enigmaticamente mostrado nas atmosferas que recrea en cada un deles. Existe unha clara tendencia en Mirar por dentro a ir máis alá dos límites do nomeado para recuperar aquilo que realmente importa. Explora eses territorios que rodean o místico con coraxe e discreción. As entrañas da realidade flúen a través dos procedementos, dos materiais e da experimentación formal arrastrando coas súas inquedanzas os nosos ollos un pouco máis abertos trala viaxe a que nos invita.

Texto: Carmen Cabaneiro

Fonte: Galería A.dFuga