A primeira exposición que a Fundación Luís Seoane realiza cos fondos da súa colección no ano 2011 céntrase nun aspecto pouco coñecido do traballo de Seoane, pero que sen embargo resulta ser unha constante ao longo de toda a súa obra: a influencia do contorno urbán e físico no desenvolvemento da súa creatividade. As cidades e as paisaxes, o trasvase contínuo da impronta histórica e dos ambientes dos diferentes lugares polos que artista pasa en conxunción coas súas vivencias persoais: todo isto refléxase de xeito case instantáneo en óleos, gravados, debuxos, carteis...
Homenaxe a cidades e outros lugares de Seoane ofrece ao espectador unha escolla de preto de 50 obras que son reflexo, ás veces fidedigno e outras evocador, de parte dos lugares nos que o artista habitou ou aos que viaxou nun determinado momento, e da transformación destes en óleo, xilografía, bosquexo a lapis... Un xeito diferente de achegarse a un Seoane desdobrado nesta ocasión en centos de cidades, países ou paisaxes: Galicia, Bos Aires, Venecia, Xenebra, Londres, París, Montevideo, Bonn... A utilización do material que recopilou durante estas viaxes amosa tanto a súa enorme bagaxe cultural como o uso que fai da mesma, xa que atopamos a pegada destes itinerarios non só na obra gráfica, senón en reflexións que utiliza como guía para posteriormente trasladar a súa experiencia física a un soporte artístico determinado. O resultado e a riqueza deste proceso é do que o espectador será testemuña nesta mostra.
Paralelamente á realización da exposición, edítase un catálogo que recollerá a obra exposta e no que participarán, a través de diferentes textos, Juan Manuel Bonet, Alberto Ruiz de Samaniego, Xosé Díaz e Ramón Villares.
Fonte: Fundación Luís Seoane