Atalaia

Lula Goce. Detalle da instalación A-MAR. 2011. Papel e arame
> Lula Goce. A-MAR
Datas: 11/02/2011 - 12/03/2011

Artistas

Lula Goce

Descrición

"Sorprenderá a moitos a obra que Lula Goce (Baiona, 1976), presenta aquí, na Aula de Cultura Ponte de Rosas. Ata hoxe non formaba parte da nómina de artistas vinculados ao Val Miñor, dos que, de lonxe ou de preto, sabemos, coñecemos, ou situamos. Tampouco é doado atopar o seu nome nas listas de artistas ou exposicións do país, esperamos que por pouco tempo. A razón deste descoñecemento é que Lula pasou case un terzo da súa vida fóra da nosa terra, en Salamanca primeiro, e en Barcelona despois, onde trazou as coordenadas básicas da súa obra. Pero, e isto é o mais importante, sorprenderá pola amplitude e riqueza do seu traballo, de claras connotacións poéticas e conceptuais, pola liberdade e sutileza que mostra nos visibles cambios de rexistro e a desprexuizada disposición de todos os procedementos, recursos e linguaxes que necesita para falar do que quere dicir.

Porque, na súa obra hai coherencia e continuidade. Existen temas, preocupacións, denominadores comúns. Mellor dito, hai un só denominador común: un eu que se abre, que explora, que se interroga, que rexistra. Un eu que se pregunta polo corpo, pola identidade, polo entorno. Isto leva á inqueda Lula Goce a procurar corredoiras e pontes co pensamento ou a poesía, confrontando estes vínculos consigo mesma e co espazo que ocupa para proxectar e construír as súas propias mitoloxías.

Porque todo o que é motivo de curiosidade, tamén o é de rexistro. Un rexistro que axuda a tomar distancia, a estudarse desde fóra, a comprender a realidade desde a experiencia do corpo autónomo e consciente. Un rexistro que Lula nos ofrece baixo a forma de escritas poéticas, de vídeo-creación, nas mesmas instalacións, como a que fai aquí para nós, e, por suposto, nos seus debuxos de pequeno e grande formato. Se o debuxo é pensamento plástico, síntese de opostos, sempre conformado pola dialéctica entre o inmediato e a reflexión, os de Lula Goce móstranse rigorosamente introspectivos, sustentados no branco e negro e na negación da cor, limpamente baseados na liña e afastados de todo axexo ou tentación expresionista. Un debuxo preciso e analítico que podemos asociar sen esforzo coa expresión técnico-científica da bioloxía, un estudo pormenorizado das estruturas básicas do corpo humano e dos seus contextos cotiáns, análise continua dunha psique sempre escorregadiza. Lembremos aquí, a serigrafía, cunha das súas "corazonadas", coa que nos agasallou para formar parte da carpeta que o IEM editou hai menos de dous meses, e da que quedan, aínda, exemplares a venda.

Volveu Lula Goce con esta instalación que sabe a sal, a peixe e a ledicia. Regresou á que é a súa casa atlántica, á mar que é o seu mar. Chegou e aquí está connosco. Benvida a casa."

Texto: Fino Lorenzo

Link a vídeo-rexistro da mostra na Casa de Cultura "Ponte das Rosas", en Gondomar:

http://www.youtube.com/watch?v=3ofbObkcFJ8&feature=player_embedded

Fonte: IEM, Instituto de Estudos Miñoranos