A exposición Máis que a vida, coproducida polo MARCO de Vigo e a Fundação Calouste Gulbenkian de Lisboa, ten como protagonistas aos artistas Vasco Araújo e Javier Téllez. O proxecto, comisariado por Isabel Carlos, podería definirse como unha dobre antolóxica. A confrontación de obras de dous artistas supón un modelo curatorial pouco explorado, e formúlase aquí como unha mostra na que se pretenden destacar unha serie de aspectos en común. As salas acollen un conxunto de pezas de formatos variados -cinema, vídeo, fotografías, instalacións- se ben o nexo de unión non son os medios utilizados nas obras, senón os conceptos que as percorren.
Vasco Araújo naceu en 1975 en Lisboa, cidade na que reside; Javier Téllez naceu en 1969 en Valencia, Venezuela, e vive entre Berlín e Nova York. Ambos os dous posúen xa unha notable traxectoria e unha crecente proxección internacional. Un exemplo, no caso de Araújo, é a súa recente exposición individual no Jeu de Paume de París e a adquisición de dúas das súas obras en vídeo polo Centro Georges Pompidou; no de Téllez, a súa presenza na última Bienal de Whitney (Nova York), ou a recente adquisición da obra A passion de Jeanne D 'Arc (Rozelle Hospital), 2004, pola Tate Modern de Londres.
Ambos os dous artistas pertencen pois á mesma xeración, pero este dato biográfico non é a razón principal para unha mostra conxunta, senón o feito de que as súas obras posúen unha serie de características comúns que permiten un frutífero diálogo.
En primeiro lugar, as referencias á historia do cinema, que no caso de Téllez funcionan case a xeito de cita literal, como en La Passion de Jeanne d’Arc (Rozelle Hospital), na que incorpora ao filme orixinal de Carl Theodor Dreyer, A Paixón de Xoana de Arco (1928), diálogos escritos polas pacientes do Hospital Rozelle de Sidney. Nos vídeos do artista portugués, o cinema non aparece dun modo tan explícito e substancial, aínda que se perciben ecos de varias filmografías, dende Bergman ata Fassbinder, pasando por Almodóvar, Antonioni ou Oliveira.
Esta herdanza cinematográfica non é o único factor común, senón tamén o gusto polas grandes representacións clásicas, en especial a traxedia grega, a ópera no caso do artista portugués, e outros acontecementos históricos paradigmáticos. Tamén, a dimensión psicolóxico-psíquica, presente no traballo de Téllez con pacientes psiquiátricos; e no de Araújo a través de temas relacionados con disfuncións psicolóxicas e familiares ou con traumas sociais.
E por riba de todo, o que une a obra de ambos os dous artistas é a capacidade de facer visible o estraño, o incómodo, aquilo que moitas veces non se quere ver ou ao que non nos queremos enfrontar. Ambos os dous toman a vida como punto de partida para presentarnos zonas de invisibilidade e de prexuízos. En palabras da comisaria, “morte, vida, drama, ópera e fado percorren a exposición dun lado a outro: hai un exceso, un algo ‘máis que a vida’, en todas estas obras.”
A mostra reúne traballos antolóxicos, xunto a pezas creadas especificamente: o vídeo Mulheres d’Apolo de Araújo, e a vídeo-instalación O Rinoceronte de Durero de Téllez, filmada no panóptico do Hospital Miguel Bombarda en Lisboa. Un modelo arquitectónico moi utilizado en hospitais e prisións; e unha obra que adquire pleno sentido no edificio -a antiga prisión panóptica- que hoxe acolle o MARCO.
Fonte: MARCO