Manuel Ocampo (Quezon City, Filipinas, 1965), expón novamente na Galería adhoc, presentando parte da súa recente producción. Ademais, nesta cita viguesa mostra unha instalación pictórica creada especificamente para o espazo, de xeito que cadros e instalación comparten contido e título da mostra: Os Rebeldes da Abstracción e A Caca Fantasma da Pintura.
"Cando cada obra é unha obra conceptual -ou supón unha crítica e superación das estratexias de representación e dos mecanismos de desexo da imaxe-, cal é o atractivo da figura? Emprego o absurdo coa fin de perturbar as nocións de forma e organización. Un rexeitamento da mestría, estratexias primitivas e intentos errados na representación dunha declaración coherente ou dun estilo. Desentraño o fracaso fundamental para o meu traballo -e un enfoque para representar a forma (tanto humana como animal) a rentes da incapacidade para interpretar a totalidade. A fin de contas, un non pode chegar obxectivamente a unha conclusión cando as obras son consideradas no seu conxunto. A única clave é asimilar os fragmentos coa fin de chegar a algún tipo de entendemento.
A temática que aparece, unha e outra vez, son figuras que se relacionan cunha especie de estereotipo, alimentado polo mito, exposto como icónico, pero coaccionado a seren unha farsa, iconoclasia conceptual considerada absurda pola súa impotencia esaxerada, como portadores de significado ou da estética política. Os cadros son un comentario sobre o desexo, do mesmo xeito ca pintura en si mesma é un obxecto adaptado a ese desexo de seren desexado. Sen embargo, na serie, teñen a habilidade de proporcionar certa dificultade ao espectador mentres as convencións da pintura se desmontan ata o punto do ridículo.
Emprego unha mestura ecléctica de estilos históricos da arte apropiada para complicar, aínda máis, a incerteza de significado, para deconstruír as relacións xerárquicas de poder entre signos: a xustaposición da iconografía relixiosa co profano e o procedente do subconsciente, producindo alegorías tráxicas interpretadas por actores cómicos, impregnando a linguaxe con contidos burdos e presentando composicións tautolóxicas, para criticar as nocións de autenticidade e de titularidade; trato de realizar obras que desenmascaran a ilusión do real mediante a subversión dos sistemas de crenzas sociais a través de mordaces bromas visuais, con pensamento aleccionador.
Nesta exposición, emprego a abstracción xeométrica, emblemas kitsch e figuras recorrentes, elementos utilizados como actores que chocan os uns cos outros. O cadro actúa como un escenario onde varios relatos interprétanse simultaneamente, desafiando representacións convencionais da identidade, política e historia. Sen embargo, a idea principal céntrase no medo á morte inminente, a dúbida dun mesmo e a melancolía sublime. Finalmente, estes cadros meditan sobre unha cultura a piques de auto-implosionar, que se cambalea nas súas falsas pretensións, e alumean a difícil situación do individuo contra a estandarización deshumanizante".
Manuel Ocampo, 2011
Fonte: Galería adhoc