Atalaia

Manuel Vilariño. Buho. 2009. Hahnemühle. 150x150 cm
> Manuel Vilariño. Mitoloxías
Datas: 24/10/2013 - 23/02/2014

Descrición

A mostra recolle unha trintena de obras do artista, datadas dende 1981 ata a actualidade. Mitoloxías é a primeira grande exposición de Manuel Vilariño en Galicia, na última década, e unha das máis importantes en España.

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) inaugura hoxe, na súa sede da Coruña, a exposición retrospectiva Mitoloxías, do fotógrafo e poeta Manuel Vilariño (A Coruña, 1952), Premio Nacional de Fotografía 2007, e un dos artistas máis importantes do panorama contemporáneo actual.

Con Mitoloxías, o MAC ofrece a primeira grande exposición de Vilariño en Galicia na última década, e unha das máis importantes en España. A retrospectiva recolle unha trintena de obras do artista, datadas desde 1981 ata a actualidade, mostrando os aspectos máis sobresaíntes da súa estética e permitíndonos revisar a fértil traxectoria deste creador, na cal crucial o fondo poético e a demanda dunha actitude contemplativa.

A exposición está comisariada por Fernando Castro Flórez (Plasencia, 1964), licenciado en filosofía e doutorado en Estética pola Universidade Autónoma de Madrid, onde actualmente é profesor titular.

Desde que realizase a súa primeira exposición no ano 1982, as obras de Manuel Vilariño non deixaron de mostrarse en galerías e museos de referencia, encontrándoas en coleccións como as do Museo Reina Sofía en Madrid, no Fine Arts Museum de Boston, o Museo Estremeño e Iberoamericano de Arte Contemporáneo (MEIAC) en Badaxoz, ARTIUM de Vitoria ou a Colección Coca-Cola.

No ano 2007 o Ministerio de Cultura concedeulle o Premio Nacional de Fotografía. Ese mesmo ano participou na mostra Paraíso fragmentado, comisariada por Alberto Ruíz de Samaniego, no Pavillón de España na Bienal de Venecia.

Entre as súas exposicións máis importantes encóntranse a que realizara en 2002 no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, Manuel Vilariño.Fío e sombra ou Mar de fóra, que expuxo no Círculo de Belas Artes de Madrid en 2012. En 2008, a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) puxo en marcha unha mostra itinerante da súa obra, comisariada por Fernando Castro Flórez, que se presentou no Centro Cultural de España en Asunción (Paraguai), o Museo Balmes en Montevideo (Uruguai), o Museo de Arte Moderna de Sao Paulo (Brasil) ou o MAC Niteroi en Río de Xaneiro (Brasil).

Participou na edición 2012 do proxecto Peregrinatio en Sagunto, organizado polo Consorcio de Museos da Comunidade Valenciana e realizou en 2013 o proxecto Fragmentos dunha viaxe, resultado dun percorrido poético por Estremadura que se presentou no Museo Estremeño e Iberoamericano de Badaxoz (MEIAC).

Manuel Vilariño preséntase como "un gran mestre da 'natureza morta', caracterizada por unha grande intensidade poética". O percorrido que presenta o MAC lévanos dende a súa particular visión dos animais, as plumaxes das aves, as escamas dos réptiles, as naturezas mortas, os bodegóns, as paisaxes, as montañas, as ondas do océano e as néboas que impoñen a súa lei borrando o horizonte, visións que teñen que ver coa dimensión da melancolía e a presenza sombría da morte. As súas imaxes en branco e negro de aves e cranios ou as súas naturezas mortas en cor establecen un singular xogo coa cuestión da cor local, isto é, coa carnación.

Fonte: MAC