Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Mar Vicente. Formato

Atalaia

Mar Vicente. Formato. 2011. Vista da intervención na Sala Alterarte, Ourense
> Mar Vicente. Formato
Datas: 14/01/2011 - 04/03/2011

Artistas

Mar Vicente

Comisariado

Xosé Manuel Lens

Descrición

A exposición Formato, de Mar Vicente, comisariada por Xosé Manuel Lens, é a segunda proposta do ciclo Estado crítico: 10 comisarios / 10 artistas.

A pintura preséntase como unha das mellores estratexias da arte contemporánea para seguir reflexionando, preguntando e cuestionando, como linguaxe que concita moitos dos posibles debates da creación actual. A obra de Mar Vicente (O Valadouro, Lugo, 1979) é un magnífico exemplo que define o presente da pintura, cun traballo en constante evolución, insistente na captura e definición das súas propias marxes, para cuestionalas e amplialas, na busca de novas referencias estéticas, mantendo sempre a súa base de actuación na propia filosofía da pintura. Mar Vicente reflexiona sobre os conceptos pictóricos, facendo da cor, do medio e do soporte os eixes simbólicos e críticos cos que vén innovando nestes últimos anos.

Na exposición Formato, enteiramente deseñada e producida para a sala Alterarte, propóñense dous obxectivos principais: definir o traballo e traxectoria de Mar Vicente, mediante a presentación da súa revisión da linguaxe pictórica e, ao mesmo tempo, ofrecerse como exemplo dun modo crítico de operar desde a pintura, radicalizando os seus extremos, facendo da intervención e da relación coa arquitectura o seu principal modo de actuar. Formato é pintura presente, reflexiona sobre o propio vocabulario pictórico, sobre os espazos e os soportes; en definitiva, falamos dunha pintura pegada aos lugares, establecida no seu diálogo cómplice coa sala Alterarte. Deste xeito, a intervención artística e o proceso, obras que se interpretan en clave temporal, preséntanse tomando referencias da propia historia da arquitectura, do ámbito da escenografía, do deseño de ambientes, marcando as subxectividades, as ilusións, o xogo de recreacións. Conceptos todos eles que vén experimentando en diferentes intervencións neste últimos anos (Fundación Laxeiro, Casa da Parra, galería Bacelos Auditorio de Galicia), espazos onde abre e cuestiona as canles establecidas da propia pintura, pensada desde novos formatos e medios.

Formato toma o seu nome da nova serie de obras Format, pequenas pezas de parede tamén presentes nesta exposición nas que segue investigando sobre a cor e os soportes, nunha suxestiva fusión entre escultura e pintura, evidenciando a busca de tensións, de desequilibrios de formas e coa súa constante habitual de facer das obras un exercicio de procesos que xogan co espectador, ofrecendo diferentes lecturas segundo progresa a visita pola exposición. Formato produce unha sorte de escenografía en expansión, onde a cor e a arquitectura se ofrecen como máximas expresións, onde o protagonismo reside tanto nas paredes pintadas como nas pezas, nos reflexos, na luz coloreada ou nos espectadores que integran a súa mirada para cuestionar o propio formato, sempre necesariamente inquietante, cambiante, evolutivo. Todo o espazo Alterarte recibe a enerxía pictórica de Mar Vicente, artista de pinturas activadas, críticas, escritas fronte e desde o lugar.

Mar Vicente (O Valadouro, Lugo, 1979). A súa produción ofrécese como exemplo de traxectoria construída desde a presentación de proxectos individuais, a participación en numerosas colectivas e certames, así como desde o recoñecemento de premios e bolsas. Licenciada en Belas Artes, na especialidade de pintura, pola Universidade de Vigo, desde moi cedo comeza a expoñer os seus traballos, definindo o que xa é unha ampla e frutífera traxectoria, que a converten nunha das novas artistas galegas máis activa e de gran proxección. Expuxo de forma individual en diferentes espazos, a sala de exposicións do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia (Lugo, 2005), a Fundación Laxeiro (Vigo, 2007), a galería Bacelos (Vigo, 2009) e a galería Ritter Gallery (Klagenfurt, Austria, 2010), e participou en numerosas colectivas, que demostran unha complicidade xeracional, como entre outras: Nada que ver (Casa da Parra, Compostela, 2007), Mapas creativos (Galería Orígenes, A Habana, 2008), Pintan mujeres. Diez visiones femeninas en la creación contemporánea (Sala Mauro Murieras, Torrelavega, 2008), Marxes e mapas. A creación de xénero en Galicia (Auditorio de Galicia, Compostela, 2008), A pel dos sentidos (Museo Provincial de Lugo, 2008), Ohne Titel (Galería Berndt, Wolfsberg, Austria, 2009), Around the block (Rondo Studios, Graz, Austria, 2010) ou Cartografías quebradas. Outonarte (Palexco e espazos públicos, A Coruña, 2010). Así mesmo, a súa obra foi seleccionada en certames como Novos Valores (2004 e 2008), I Certame de Pintura Concello de Monforte de Lemos (2004), VII Premio Joven Artes Plásticas (Madrid, 2005), Residentes 05 (2005) ou Kaldarte (2006). En febreiro de 2011 estará presente na feira ArtMadrid, en marzo realizará unha exposición na galería Trinta (Compostela) e en xuño na galería Coll Blanc (Castelló).

“Esta instalación é algo feito para esta sala e totalmente condicionada por ela. Pensei o seu espazo como un formato máis e tendo sempre presente que o meu obxectivo era que o espectador interactúe dentro da instalación”, salienta a artista.

Para Xosé Manuel Lens, a exposición “é unha homenaxe á pintura de parede”, homenaxe na que “a propia sala se converte nunha pintura e non só no espazo que alberga a pintura”.

O ciclo Estado crítico: 10 comisarios / 10 artistas. Dez profesionais, escollidos seguindo o criterio do seu labor na crítica e crónica de arte nos diferentes medios de información galegos ou nacionais, desenvolven o seu papel como comisarios da exposición e escollen, a súa vez, a un artista cada un eles. Baixo esta dinámica, o proxecto global ideado por Xosé Manuel Buxán Bran para a sala Alterarte (Vicerreitoría do Campus de Ourense, Universidade de Vigo), púsoxe en marcha en decembro do 2010, e desenvólvese ao longo de 2011 e 2012.

Fonte: Sala Alterarte