Atalaia

María José Santiso. Para que eran as palabras? 2013
> María José Santiso. Contenedores
Datas: 15/02/2013 - 09/03/2013

Descrición

 

 

A idea desta exposición enlaza con algunha das obras da exposición Residua como as caixas ou a peza titulada Equipaxe, pero principalmente parte da obra realizada para o proxecto Entolearte no psiquiátrico abandonado de Castro, titulada Contenedores de memoria, que consistía nunha instalación nas paredes dun dos cuartos do propio psiquiátrico con caixóns recuperados alí (pertencentes a distintos mobles) e manipulados no seu interior para dotalos dun contido evocador.

O texto da artista que acompañaba a obra era o seguinte:

Contenedores de memoria
A función dun colector é GARDAR, PRESERVAR, PROTEXER, OCULTAR. Os caixóns, rescatados do hospital, foron colectores de obxectos persoais, gardiáns de segredos, testemuñas do vivido, hoxe METÁFORAS DA MEMORIA.
As diferentes alturas ás que se sitúan as pezas pretenden xogar co espectador, empurrándoo a realizar un pequeno esforzo ao non mostrar dunha forma demasiado evidente o interior e, deste modo, levalo á reflexión que toda recuperación da memoria require.

As obras pertencentes á serie Contenedores, presentadas na Galería Pardo Bazán, son tridimensionais. Caixóns manipulados e cambiados de posición, adoptando outra diferente á "natural". Pezas que abandonan o interior dos seus mobles para ofrecer o seu contido ao espectador. Embalaxes (nos que se utilizan símbolos referentes á posición, a fraxilidade, a reciclaxe, códigos de barras...) que conteñen acrílicos sobre lenzo ou táboa, desmitificando o concepto de arte e tratándoo como un obxecto, unha simple mercadoría.

Fonte: Galería Pardo Bazán