Atalaia

Sen título. Serie Picnic. 2014
> Marta Bran. Picnic
Datas: 12/06/2014 - 05/09/2014

Artistas

Marta Bran

Descrición

Todo comeza nunha tarde de verán de 1993.

Naquela tarde calurosa, talvez preparando un bocadillo de non se que e queixo, cáeseme unha pequena loncha ao chan. Torzo lixeiramente a cabeza e mantéñome uns cantos segundos queda ante a beleza dunha diminuta lámina amarela que se move polo chan. Ante aquel momento máxico, á vez que cotiá, me axeonllome silandeiramente e fago un pequeno zoom coa mirada para descubrir o motivo daquela danza. E é cando entendo que vivindo nun piso de planta baixa, nunha casa antiga, os seres vivos habitan ás súas anchas. Máis aínda, cando existe algún que outro xardín e horta ao redor. Neste caso, un exército de formigas pequerrechas ben organizadas, cun ritmo pausado pero concienciudo, conseguen levar á súa pequena gorida aquel manxar.

Picnic comeza cun recordo, cunha historia mínima situada nun pobo granxeiro e agrícola de Linyola (Lleida).

Picnic recolle a esencia dun microrrelato autobiográfico do pasado, demostrando que calquera día pode ser extraordinario, calquera lugar pode ser obradoiro, pero calquera ollada non fai extraordinario o cotiá. Así que, a mirada e os pormenores ocupan un espazo relevante nesta exposición individual, do mesmo xeito que a atmosfera de merenda ou xantar. O escenario xa non se sitúa nun espazo interior senón que se converte en fraga e natureza. Deste xeito, a instalación presentada en Trinta podería ser considerada como unha particular visión dunha comida compartida entre amigos, como sucedía no Xantar sobre a herba de Édouard Manet salvando as distancias e o enfoque. A merenda ten lugar nun espazo bucólico que envolve e fai cóxegas case sen decatarnos. Preséntanse diferentes situacións nas que a presenza humana e animal adquiren un especial protagonismo. Son, en definitiva, accións e situacións sensibles e sutís coas que calquera podería sentirse identificado. O tratamento de todas as pezas é especialmente delicado e laborioso. Construcións faciais que en determinados momentos poden lembrar a Arcimboldo. Pequenas filigranas que convidan á fantasía. Practicamente para descubrir a soas, nun silencio encantador, de ti a ti.

Texto: Marta Bran

 

Entrevista a Marta Bran. Espacio de Arte (Correo Televisión)