É o debuxo un anacronismo dentro da contemporaneidade artística? Microfísica do debuxo parte desta pregunta para, no canto de propor unha resposta concluínte, trazar un percorrido promiscuo a través de traballos artísticos nos que o debuxo funciona de xeitos considerablemente diferentes entre si. Culturalmente pesa sobre o debuxo o estigma da técnica. Que este pertence a un proceso de aprendizaxe previa que conducirá o artista á posterior produción de obras serias. Esta concepción, que obvia as extraordinarias capacidades do debuxo como medio artístico, pouco pode achegar á situación do debuxo dentro das prácticas artísticas contemporáneas. É máis, retrocedendo no tempo, atopámonos con que o debuxo sempre estivo aí, antes que a escritura, antes que a arquitectura mesmo. Non obstante, ao dicir debuxo, parece que enunciásemos un anacronismo dentro dunha contemporaneidade da arte obsesionada con outros medios. Quizais o que falla é esta concepción do debuxo que o entende e o reduce a un trazo sobre o papel. Na arte, hai debuxo mesmo cando este non aparece na sala de exposicións.
O proxecto que parte dunha pregunta: cal é a situación do debuxo dentro das prácticas artísticas contemporáneas? E que, en vez de propoñer unha resposta concluínte, traza un percorrido promiscuo e intuitivo a través de traballos en que o debuxo, como medio, funciona de xeito considerablemente diferente entre eles. O seu propio título refírese a toda unha rede de factores que posibilitan, integran e entenden a noción de debuxo nun sentido moi amplo e que dista considerablemente de ser unha “marca sobre papel”.
Fonte: Normal