"Considérome pintor pola miña formación, pero gústame xogar nos límites onde se encontran a pintura, o obxecto e a escultura. Non me interesa a cor pola cor, nin o volume polo volume. Creo na concepción dos elementos desde a súa propia configuración e cómo os concibe a sociedade.
A miña definición de arte vén tomada da reflexión propia de Marcel Duchamp de cómo o creador é o principal artífice do que é ou non é arte.
Falo de elementos a priori distantes como a arte e a sociedade de consumo, as combinacións, a alquimia do obxecto e as súas posibilidades comunicativas. Gústame a poética da arte e a capacidade que ten de evocar pensamentos. De ser unha posición diante da vida. Por outro lado, apasiónanme as armas de seducción da publicidade para dirixir á grande maioría cara un mesmo destino: o consumo.
Non adoito crear novos volumes, cos que xa existen en calquera tenda de Todo a 1 euro chégame e sóbrame.
Os meus traballos xogan constantemente coa nosa necesidade de posuír os paradisos perdidos: animais, lagos, plantas e árbores que agora contemplamos en forma de piscinas verticais e industria decorativa de xardíns nas beiras das carreteiras.
Interésame trasladar unha mensaxe ou remover no interior das nosas emocións, sobre todo das vencelladas aos sentimentos que quedan esquecidos en relación coa paisaxe: o que vemos durante unha viaxe e as cousas que se almacenan na nosa retina e que non teñen aínda unha ubicación precisa."
Texto: Miguel Ángel Moreno Carretero
Fonte: Galería Trinta