Seres que parecen existir á marxe do intenso ritmo vital actual, mostrándose imperturbables cunha calma en certo sentido sospeitosa e ollando cara o seu interior, son os protagonistas da mostra Durmintes do artista Miguel Ángel Vigo (1981, Padrón). Homes e mulleres que parece que están a camiñar polo delgado fío abismal, mantendo o equilibrio entre as que son as dúas maiores claves da existencia humana, a vida e a morte, enchen o espazo. Ó mesmo tempo, compartindo nome, xa que durmintes son denominados os elementos transversais ó eixo da vía do tren que serven para manter unidos e a unha distancia fixa os dous raís que a conforman, e gardando certa relación con eles, as pezas de Miguel Ángel móstranse como os eixos de unión que equilibran e manteñen a unha distancia constante o vivo do inerte, separándose unicamente no preciso intre no que a estabilidade desaparece.
Vigo presenta un percorrido que parte do nacemento, recorre varias etapas da vida e remata na vellez, mostrando que durante toda a existencia humana viaxa a súa par un certo carácter de dúbida e incerteza, que podería dicirse que se atopa relacionado co mundo místico. Segundo Sartre "aceptar morrer por vellez é aceptar que a vida é unha empresa limitada". Esta cita é recollida en varias ocasións polo artista, e serve de apoio para definir aspectos elementais da súa obra. Traballos escultóricos, debuxos e pinturas espállanse polo espazo e os muros da galería, creando un universo paralelo que camiña entre o estado de sono -representado polos soños-, e o estado de alerta ou vixilia.
Existe realmente ese estado vixil ou realmente cando cremos que estamos espertos é cando máis durmidos nos atopamos? A vixilia pode ser interpretada simplemente como o estado de relación e o momento no cal temos contacto co outro, cos iguais, e no cal se constrúen experiencias e se desenrolan actividades en colaboración. Pero non podemos esquecer que o comportamento que se ten durante o mesmo non deixa de estar suxeito a certas directrices culturais e sociais pautadas, as cales son acadadas dende o momento no que se chega a este mundo, e contribúen a contaminar e anular a verdadeira esencia do humano. Perdemos existencia persoal pero ó mesmo tempo pasamos a integrar a existencia colectiva, feito que non podemos obviar no desenrolo da nosa existencia. Somos historia.
E non será que, xustamente, cando durmimos nos encontramos con nós mesmos? Por que razón son os soños o lugar no que aparecen os temores máis turbadores? Por que se desatan neles os medos sen ter control deles? Podemos dominar a nosa mente cando estamos espertos pero non mentres durminos. Que é realmente o que xurde neles? Non se pode percibir nisto certa relación coa loucura? Dise que os loucos non son máis que persoas que non teñen control da mente, falta de control que se produce mentres están espertos; son, polo tanto, seres que permanecen durmidos en vida? Ou será que son os “cordos” os que realmente se atopan durmidos. Durmidos ante un mundo que non se quere ver, ante o cal pechamos os “ollos” e nos sumimos nun profundo sono que nos atrapa dende a infancia, impedíndonos espertar e reaccionar ante o que verdadeiramente somos.
A morte tamén é un dos actores principais nas súas pezas, e neste feito non podemos obviar que sendo Galiza a súa terra natal e estando esta tan arraigada e presente histórica e culturalmente no seu territorio, é unha forte influencia na súa labor. Non obstante é unha morte doce pola que se declina, e transcender a ela logrando a eternidade, propón unha dúbida existencial que o atrae e utiliza como unha vía creadora. Somos conscientes da nosa non-eternidade, sentimos e vivimos con certa liberdade propia, pero sempre poñendo en dúbida o noso ser en si mesmo. "Non somos eternos e por iso a única posibilidade de ser libres é sendo finitos", esta é a reflexión que artista e comisaria comparten ó respecto.
Estas son algunhas das cuestións ás que o artista padronés apunta para realizar as súas creacións, e as cales lanza ó publico que entra en contacto coas súas obras. Nelas tamén se pode sentir certo carácter crítico enmascarado por medio de retratos con expresións grotescas que acaparan a atención e as miradas dos que observan. Moitas incluso rozan o burlesco, ó cómico -recordando a Baudelaire-, deixando entrever ese aire de loucura que mencionaba baixo as súas impasibles aparencias.
"A beleza reside no grotesco", tal e como sinalaba James Ensor, e isto pódese observar claramente no traballo deste xoven artista.
Texto: Beatriz Suárez Saá
Fonte: Galería A.dFuga