Baixo o título Close Up / Background. Still life, o artista hiperrealista Miguel Piñeiro (1976, Vilagarcía de Arousa), presenta na sala coruñesa Moret Art un novo concepto de natureza morta onde os obxectos se materializan mediante xogos de planos pictóricos sobre superficies tan diversas como o metacrilato ou a madeira. A unha absoluta precisión na técnica pictórica, nesta ocasión debemos sumarlle un traballo case de enxeñaría á hora de ensamblar as obras que en ocasións están constituídas por 4 superficies distintas.
O mundo da moda, o comic e outros obxectos de culto na actualidade, substitúen aos clásicos protagonistas dos bodegóns para crear unhas obras nas que orixinalidade e ironía son as claves que o artista emprega para achegarnos este xénero clásico. Composicións impecables nas que o espectador deberá navegar para descubrir os múltiples detalles que encerran.
En palabras de Nuria Blanco, directora de Moret Art, "Miguel superou os límites do trampantojo gracias aos elementos que sitúa no primeiro plano do metacrilato. O xogo de enfoque / desenfoque entre primeiro e segundo planos produce no espectador unha sensación de realidade que case obriga a frotarse os ollos para sortear o engano do noso cerebro. É un proxecto no que se coidaron ata o extremo todos os detalles, e iso inclúe ata o packaging das obras, uns estoxos deseñados en exclusiva para o proxecto e realizados artesanalmente que parecen auténticos cofres do tesouro. É unha mostra absolutamente sorprendente tanto en forma como en fondo; se sempre é importante ver as pezas en directo nesta ocasión é esencial".
Fonte: Galería Moret Art