Atalaia

Miniaturas. Vista parcial da exposición na Sala X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra
> Miniaturas
Datas: 20/09/2011 - 04/11/2011

Comisariado

Anne Heyvaert

Descrición

Miniaturas é un proxecto de edición gráfica internacional de intercambio entre centros de ensino artístico. Participan uns 200 alumnos e docentes de 11 facultades e escolas de arte de Bélxica, Brasil, Canadá, España, Francia e Serbia. O proxecto é unha iniciativa da artista belga Chantal Hardy, e chega á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, da man de Anne Heyvaert –artista e docente neste centro pertencente á Universidade de Vigo-, coa colaboración de Andrea Outeiral e José Andrés Santiago.

A miniatura, encasillada no noso imaxinario na época medieval ou no lonxano oriente, aínda que fai referencia ao tamaño, o termo evoca a ilustración de manuscritos e códices, o medallón, a icona ou o selo, o brillo do dourado e o alumeado, a precisión e o condensado. Grazas aos manuscritos e as estampas, a miniatura atravesou os continentes e os séculos, desenvolvendo múltiples temas: relixiosos, narrativos, fantasiosos, científicos, ornamentais, retratos, herbarios, bestiarios, etc.

En setembro de 2010, a artista Chantal Hardy propuxo desde Bélxica unha convocatoria aos seus contactos artistas, docentes de gráfica en 11 centros de ensino artístico de tres continentes. As escolas e os participantes eran libres de actualizaren o concepto, sempre sobre un soporte que non superase os 50 cm2. De cada obra edítanse 11 exemplares coa fin de enviar un conxunto completo de todas as miniaturas a cada centro asociado ao proxecto.

Dicir modestamente grandes cousas fronte a tantas pequenas cousas ditas con énfase, foi o propósito como punto de partida para os participantes de París; o tema do segredo desenvolvéuse por un grupo de participantes belgas. Desde a Facultade de Belas Artes de Pontevedra, optóuse por deixar vía libre para investigar propostas gráficas editables de pequena escala. Con estas miniaturas, pequenos chiscos á historia e a certa arte actual grandiosa e pomposa, concrétase unha discreta pero ricaz cadea entre nacións, centros docentes e persoas.

A primeira exposición das 222 miniaturas tivo lugar con motivo da 8 Biennale International de Gravure contemporaine de Liège, Bélxica: do 28 de abril ao 15 de maio de 2011, na sala de exposicións da Académie Royale des Beaux Arts de Liège. A próxima será na Galeria da Faculdade de Artes Visuais, Pontifícia Universidade Católica de Campinas, Brasil.

Participan uns 200 alumnos e profesores dos obradoiros de gráfica dos seguintes centros (baixo a coordinación de diferentes docentes): Académie Royale des Beaux-Arts e Ecole supérieure des arts, Lieja, Bélxica (Chantal Hardy e Maria Pace) - Hogeschool Sint-Lukas, Bruselas, Bélxica (Greet Billet) - Académie des Beaux-Arts de Watermael-Boitsfort, Bruselas, Bélxica (Kiki Crêvecoeur) - Ecole des Beaux-Arts de Wavre, Bélxica (Monique Dohy) - Ecole nationale supérieure des arts visuels de la Cambre, Bruselas, Bélxica (Maurice Pasternack) - Facultade de Artes Visuais, PUC Campinas, Brasil (Paula Almozara) - Département des arts, Université du Québec de Trois-Rivières, Canadá (Mylène Gervais) - Facultade de Belas Artes, Pontevedra, Universidade de Vigo, España (Anne Heyvaert) - Ecole supérieure Estienne des arts et industries graphiques, París, Francia (Françoise Pétrovitch) - Faculty of Fine Arts, University of Arts, Belgrado, Serbia (Biljana Vukovic).

Fonte: Sala X, Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo