Atalaia

Mónica Alonso. Da serie Corazóns Dobres, 2012.
> Mónica Alonso. Estabilizadores corporais
Datas: 09/03/2012 - 17/04/2012

Artistas

Mónica Alonso

Descrición

Os traballos que Mónica Alonso (1970, A Fonsagrada), presenta na súa nova mostra na Galería SCQ acóllense baixo o título Estabilizadores Corporais. Nesta ocasión a artista abandona a intervención directa e reflexión sobre o espazo expositivo ao que nos ten acostumados, para centrarse na escala humana nunha relación de corpo a corpo. Dous proxectos centran o discurso: os Corazóns Dobres e os Estabilizadores Corporais.

Os Corazóns Dobres asocian ao corazón propio con outro artificial, buscando a harmonía e equilibrio do propio absorbendo o seu deterioro físico e emocional. Corazóns Dobres Sensuais nos que a artista plasma a máxima sensualidade na procura da rexeneración da ilusión amorosa. Están inspirados nunha experiencia vivida pola artista no deserto do Sahara, e feitos coa area branca e vermella traídas do deserto.

A consecución da depuración, a rexeneración, o equilibrio, a harmonía, a durabilidade, a sensualidade, corporais, son ideas centrais da exposición. Os Estabilizadores Corporais son referentes orgánicos que bañan a totalidade do corpo con luz. A cor da luz que sae de cada estabilizador está deseñada cun fin concreto: azul rexenerador e verde enerxético. O espectador recorre unha liña mentres a luz incide directamente sobre o seu corpo. As calidades espaciais que a artista foi deseñando na intervención directa de espazos pasan agora a estar concentradas nun deseño de escala humana.

A presentación das infinitas posibilidades da viaxe son outra parte importante na exposición. Angustia de Viaxe e Des-equilibrio de viaxe xorden das viaxes da artista do frío ao calor pasando polo temperado. A artista proponlle ao espectador iniciar viaxe coa angustia e o des-equilibrio. Dúas maletas conteñen a Angustia Fría - Angustia Quente - Amor antídoto. Equilibrio -Desequilibrio, con indicacións de como usalas. A idea é que a vivencia da angustia e o desequilibrio provoquen desequilibrio emocional, necesario nalgunhas ocasións para acadar parcelas recónditas do noso interior. Camas Quentes é o proxecto que nos leva do sensible ao corporal, da Angustia aos Corazóns Dobres. Por último, a gran peza Cuarto de Sol concentra nun interior arquitectónico o poder da enerxía solar, esa idea que tanto traballa a artista de dar forma real, vivencial, ás emocións.

A Mónica Alonso foille concedida, en 2009-2010, a beca da CAM co proxecto Do frío ao calor, do calor ao frío, pasando polo temperado, viaxes que a levaron a distintos lugares, de frío e calor, que marcaron profundamente a súa creación futura. O resultado é a gran instalación Angustia Fría - Angustia Quente. A artista desenvolve un dos seus proxectos máis ambiciosos, a idea de Vivir nunha instalación, que ve materializa no proxecto de Gama Cromática Terapeutica para o Centro de día en Maceda (Ourense). O proxecto Terapia Habitación de Hospital, realizado na area de pediatría do CHUS de Santiago, no que aplica as súas terapias artísticas ao ámbito clínico. Resultados que serán presentados no CGAC en xuño de 2012. En 2011 o Museo de Lugo dedicoulle a súa primeira exposición retrospectiva, e neste mesmo ano publica o seu primeiro libro, A obra onírica de Carme Casbelisa, no que pon en relación o seu mundo onírico coa súa creación. En 2012, realiza unha exposición individual na Galería Tiziana Di Caro en Salerno (Italia), titulada Angustia Branca. O proxecto máis inmediato da artista pasa por converterse en Terapeuta Psicoespacial pasando ao traballo directo co espectador.

Fonte: Galería SCQ