Atalaia

Mónica Alonso. As cores da carne, 2006
> Mónica Alonso. Obras 1993-2011
Datas: 11/03/2011 - 15/05/2011

Artistas

Mónica Alonso

Comisariado

Leire Vergara

Descrición

O Museo Provincial de Lugo presenta unha exposición individual da artista Mónica Alonso (A Fonsagrada, Lugo, 1970).

A mostra ofrece un percorrido pola súa traxectoria a través dun conxunto de obras realizadas nas últimas dúas décadas. As devanditas obras preséntanse en formatos moi diversos incluíndo unha serie de gravados e debuxos realizados entre 1993 e 1994; un conxunto de esculturas e maquetas producidas entre 1994 e 2010; o proxecto en curso Terapia Individual (TI) iniciado en 2003 e realizado en colaboración con catro profesionais do mundo da cultura, a ciencia e a psicoloxía e unha instalación deseñada ex profeso na que se presenta por primeira vez a obra desenvolvida en 2009 durante a bolsa CAM de artes plásticas. A exposición complétase cun espazo de documentación onde se recollen distintos documentos, debuxos e apuntamentos que evidencian a importancia do proceso dentro da obra da artista.

A obra de Mónica Alonso está dedicada ao estudo das características perceptivas da cor e á súa aplicación sobre espazos arquitectónicos reais ou imaxinados. A súa práctica sitúase dentro dunha concepción da arte que reclama para si a produción dun coñecemento específico baseado en procedementos de investigación e experimentación artística. As súas maquetas e esculturas funcionan como prototipos utópicos ou modelos de representación do espazo social que habitamos. Estas baséanse nunha serie de teorías que a artista desenvolveu nos últimos anos sobre as propiedades terapéuticas relacionadas coa disposición do espazo e a aplicación da cor.

A exposición formúlase como un exercicio retrospectivo que intenta facer compatible un enfoque cronolóxico do traballo da artista coa articulación doutro tipo de lecturas cruzadas entre as obras que xeren novas formas de interpretar, contextualizar e documentar a ampla produción de Mónica Alonso. Entre os percorridos temáticos propostos na exposición cabe destacar por un lado un grupo de esculturas que comprenden as diferentes variacións, realizadas ao longo dos anos, da cama como obxecto escultórico. Por outro lado introdúcese un conxunto de maquetas e esculturas baseadas en diversas propostas de arquitectura utópica e de organización de comunidades imaxinadas. Por último, inclúese a presentación das súas teorías artísticas e terapéuticas e a súa influencia sobre o deseño dunha serie de métodos propios de intervención sobre espazos institucionais reais, sexan estes, de índole artística, museística, clínica ou social.

Con motivo desta exposición a artista ideou unha intervención efémera sobre as salas do museo cubrindo o chan cunha superficie flotante de distintas tonalidades de cor carne. A cor aplicada sobre o chan da sala principal é unha cor carne rosada, mentres que na sala da instalación é unha cor de carne triste que envolve tanto o chan como as paredes. Este tipo de intervención relaciónase coa análise da cor carne que a artista inicia coa obra titulada As cores de carne (2006) e que se inclúe na exposición.

Con esta intervención sobre o espazo do museo, Mónica Alonso sitúa ao espectador dentro dun contexto envolvente a partir do cal a percepción sensorial vai funcionar como guía dentro deste percorrido retrospectivo da súa obra.

Fonte: Museo Provincial de Lugo / Leire Vergara (febreiro 2011)