Atalaia

Montse Rego. Shine! Do You Mind? 2011. Vista parcial da intervención nas paredes da Galería A.dFuga
> Montse Rego. Shine! Do You Mind?
Datas: 25/11/2011 - 15/12/2011

Artistas

Montse Rego

Descrición

A Galería A.dFuga é un novo espazo para a arte actual aberto no número 28 da Rúa do Preguntoiro, en pleno centro histórico de Santiago de Compostela. Trátase dunha iniciativa das artistas Paula Cabaleiro, Carmen Cabaneiro e Beatriz Suárez Saá, que comeza a súa andaina coa mostra Shine! Do you mind?, de Montse Rego (Lugo, 1969), acompañada na inauguración por 1 poesía fónica, de Teófila Noemí Ruiz, e un concerto de improvisación (guitarra eléctrica e obxectos sonoros) de Pablo Orza.

Asimesmo, a Galería A.deFuga propón unhas xornadas de charlas e debates ao redor da idea de Arte+Crise, baixo o título Os muros teñen a palabra, coa participación de artistas e axentes da xestión artística e cultural, a desenvolver no seu espazo os días 29 de novembro, 13 e 14 de decembro, ás 19:00 horas.

Texto de Paula Cabaleiro sobre a presentación do novo espazo:

“Partimos dun contexto.

Un contexto onde o sector da produción cultural atópase inmerso nunha crise económica profunda, pero ó mesmo tempo exterioriza unha debacle autónoma en canto a metodoloxías e sistemas de xestión, que fan do noso mercado da arte contemporánea unha burbulla que discorre á marxe dunha sociedade á beira do abismo.

Para darlle máis énfase a esta situación dramática, a produción cultural non xerou un sector propio, senón que son sectores precarios que alternan a condición de traballadores creativos con outros sectores. Ademais, agora se empurra á disgregación/atomización do traballo (autónomo, freelance) co grado de soidade, individualismo/competitividade que implica.

Precisamos novas fórmulas.

A capacidade de pensamento e acción debe repensarse en novos formatos que escapan de disciplinas e identidades fixas (na produción, na investigación, na pedagoxía, na exhibición e na comunicación). Propostas de produción artística e cultural que se desenrolen a través de novas formas de facer así coma da reactivación crítica de outras do pasado. A arte comeza a atopar plataformas de supervivencia en espazos alternativos de colaboración entre creadores e técnicos, espazo de intercambio de información, contactos, problematización, creación/experimentación. E todo elo enmarcado na busca de novos paradigmas de acción pública, política e de transformación social radical da estrutura social capitalista.

Por outro lado é importante a reflexión/revisión permanente sobre a relación coas institucións, máis nun país como España que ten unha arte que vai da man destes mecanismos, estatais na súa maior parte. Correríamos en caso contrario o perigo de xerar conceptos/experiencias baleiras/románticas ata contraditorias/incoherentes. A chave está no proceso, na preservación da súa autonomía, eludindo mecanismos ríxidos, debendo ser procesos vivos que se reconvirtan y reinventen día a día.

Neste nervioso caldo de cultivo, a nosa tarefa -como artistas, xestores, críticos, profesores e estudantes- consiste en reanimar a imaxinación social, sometida pola máquina publicitaria e limitada polo dogma económico. Convidamos ós artistas a imaxinar un futuro libre do dogma da época escurantista da especulación financeira.

E é neste momento socialmente significativo, cando Montse Rego realiza un punto de inflexión na súa traxectoria artística. Na cidade onde reside, e na que expuxo en múltiples ocasións, a súa obra vólvese espacial, efémera, ó mesmo tempo que desata un forte contido crítico. O carácter de instalación é unha parte constitutiva da mesma e fai referencia á natureza específica do vínculo entre un plantexamento efémero de intervención e unha proposta estática.

Presenza, temporalidade, espazo e experiencia conflúen en Shine! Do you mind?, onde o xesto da artista luguesa rexistra unha voz analítica, adoptando unha linguaxe urbana e colectiva.

A materia articúlase texto, e a palabra preséntase coma materia dúctil e corpórea, que invade as paredes do espazo. Os muros dótanse dun discurso crítico cara o mercado da arte; uns muros que, a súa vez, son contedor das fórmulas de dito sistema.

A.dFuga convértese temporalmente, a través da intervención espacial e específica, nun axente de identificación, recoñecéndose e recoñecendo o seu contexto, transformándose nun lugar para situar parámetros conceptuais que propoñen un discurso cómplice cando Montse Rego o reinterpreta.”

Fonte: Galería A.dFuga