Atalaia

Natalia Umpiérrez, Sen título, da serie Cando se leva no sangue, 2011
> Natalia Umpiérrez. Cando se leva no sangue
Datas: 13/05/2011 - 31/07/2011

Descrición

Se as fillas habitualmente toman como referentes ás nais, repetindo as súas actitudes, xestos, defectos e virtudes ou formas de vestir, esta é a súa oportunidade para modificar esa tendencia. Os retratos de nais e fillas realizados por Natalia Umpiérrez (Pontevedra, 1982) para a Sala de Proxectos do CTB, inspirados en fotografías que a artista seleccionou aleatoriamente de diferentes páxinas web, incide no poder dos estereotipos, en como estes se souberon perpetuar na historia xerando mitos que, como demostran as imaxes creadas por Nati, superan a calquera relato de ficción. A quen lle gustaría regresar aos cardados e ás ombreiras dos oitenta?

A obra de Nati, premeditadamente kitsch, colócanos diante un espello para reflexionar sobre a herdanza e as relacións familiares, así como sobre todas as dependencias -ás veces destrutivas- que se xeran. Toda a nosa vida se resume nunha serie de medos, traumas, carencias e prexuízos que se orixinan na infancia, modelando o noso carácter e perdurando no noso ADN para sempre.

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Natalia Umpiérrez cursou un Mestrado de Obra Gráfica, Módulo de Serigrafía, na Fundación CIEC de Betanzos (A Coruña) e na actualidade atopa realizando un Mestrado en Libro ilustrado e Animación Tradicional na Universidade de Vigo. Entre as súas últimas exposicións colectivas destacar Que baixe Deus e véxao no centro Amálgama de Vigo e Non sei antes, pero… AGORA É ISTO, xunto co Colectivo Tronquis, no Espazo Normal de A Coruña.

Fonte: CTB