Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
O medio é o museo

Atalaia

Constelación gráfica coa medición das alturas dos visitantes ao museo
> O medio é o museo
Datas: 20/06/2008 - 21/09/2008

Descrición

O medio é o museo é un proxecto expositivo composto de diferentes tipos de traballos que abordan o museo ou a institución como soporte e referente das obras de arte. Na base deste proxecto están os cambios que tiveron lugar -especialmente nos últimos quince anos- nas funcións e no propio concepto de museo, pero tamén na actitude dos artistas, nos usos sociais e formas de comportamento, e nas contaminacións entre diversas disciplinas artísticas. A intención dos comisarios é pensar sobre o museo entendido como medio e material, e como un sistema de convencións establecidas historicamente.

A mostra reúne propostas de vinte artistas que teñen en común a súa actitude cara ao museo, non como colector ou exhibidor de obras de arte, senón como lugar de acción e experiencia, como ‘medio’, en relación directa co espazo e o contexto no que a obra ten lugar. Á hora de seleccionar as obras e de invitar a estes artistas a traballar no contexto específico do MARCO, e na cidade de Vigo, refórzase a intención de concibir o museo como lugar de proxección dun mesmo. Non é casualidade que todas as pezas presentes nesta mostra teñan que ver coa escala humana, coa corporeidade, co encontro e relación da persoa -sexa o artista ou o espectador- co espazo no que se sitúa a obra. Dos proxectos expositivos realizados no MARCO, é quizais o que supón unha maior intervención sobre o lugar -con obras que modifican, reconstrúen ou reinterpretan os espazos interiores- e non obstante, nunca foi tan visible a estrutura orixinal do edificio.

A exposición concibiuse necesariamente a partir dun número de obras específicas realizadas para cada unha das sedes -o MARCO de Vigo e o Koldo Mitxelena de San Sebastián- e unha serie de pezas comúns adaptadas aos espazos de ambos os dous museos. En cada lugar e momento, o espazo arquitectónico, o funcionamento cotián da institución ou o contexto social no que se insire, actúan como os elementos significativos do contido da exposición. É dicir, espiuse ao máximo o museo, de maneira que é este, como ‘soporte’, o que se exhibe: o espazo resulta así dimensionado, especificado e interpretado na súa totalidade a través das accións dos artistas e da participación do público. Deste modo, o museo percíbese non só como un lugar de instrución ou educativo, segundo a definición decimonónica, senón tamén como un ámbito destinado a estimular a actitude ‘performativa’ dos espectadores a través do cuestionamento do amplo catálogo de rutinas sociais que teñen lugar entre os seus muros.

Entre os novos proxectos realizados para a primeira sede da exposición atópanse obras de Arabella Campbell, Maria Eichhorn, Loreto Martínez Troncoso, Roman Ondák, Sergio Prego, Maider López e Sancho Silva, que se relacionan con cuestións como a historia da antiga prisión na que se sitúa o MARCO, o carácter da sociedade viguesa, a arquitectura do museo e o seu exterior, ou os protocolos de comportamento do espectador-usuario dentro do mesmo. Xunto a estas intervencións, a exposición complétase con traballos que funcionaron antes noutros contextos e foron readaptados aos espazos de Vigo e San Sebastián, como os de Lara Almárcegui, Monica Bonvicini, Annika Eriksson, Ceal Floyer, Andrea Fraser, Luca Frei, Mario García-Torres, Felix Gonzalez-Torres, Jeppe Hein, Louise Lawler, Karin Sander, Tino Sehgal e Thomas Struth. Na súa gran maioría, trátase de artistas que se formaron ou iniciaron a súa práctica artística entre os anos noventa e a presente década, pero quíxose incluír así mesmo a algúns autores (Fraser, Gonzalez-Torres, Lawler, Struth) que, pola súa actitude fronte ás mencionadas transformacións, foron unha importante influenza en desenvolvementos artísticos posteriores.

Fonte: MARCO