Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Olmo Cuña (Vigo, 1983, e na actualidade residente en Berlín), adéntrase coa serie Notas nunha persoal e desprexuiziada revisión das iconas máis representativas da Historia da Arte. Imaxes que, dun xeito ou doutro, figuran no imaxinario colectivo, obras recurrentes e significativas que pasaron a seren citas obrigadas e puntos de referencia na sociedade actual.
A través da apropiación destas imaxes emblemáticas o artista crea, como se dun museo transportable se tratara, unhas delicadas pinturas que se activan como auténticas anotacións para unha Historia da Arte.
Esta revisión ou replantexamento formálizase en miniaturas ao óleo sobre papeis listos para anotar, xogando e ironizando non só con conceptos como reprodución, falso e orixinal, senón tamén con termos como aura, museable, durabilidade e conservación. As notas actúan como puntos de referencia aos que acudimos en momentos determinados, para citar, explicar ou entender un concepto, unha obra de arte ou o plantexamento dunha exposición.
Fonte: Galería PM8