A mostra A terra penetrada supón unha profunda reflexión sobre a sexualidade e o erotismo coma base do traballo plástico de Philip West.
Esta temática serve como pretexto de análise da relación do amor coa morte, unha constante nos traballos dun creador que mesmo chega a cosificar a sexualidade. A exposición é o resultado dunha profunda investigación na que tanto a obra gráfica, como doutras disciplinas, ademáis dunha coidada seleción documental, conseguen achegar ao espectador a persoal visión das relacións humanas, que en ocasións chegan a ser mostradas como accidentes xeográficos.
Nesta mostra vémonos sumidos nun universo onde a enerxía supón a base espiritual que leva a que o artista relacione a súa experiencia e peripecias vitais con procesos naturais relacionados co corpo humano.
Philip West (York, 1949) foi un auténtico produto do surrealismo británico, movemento ao que se adscribíu de inmediato tras finalizar os seus estudos de Belas Artes e Historia da Arte en 1970. No ano 1974 un novo compoñente temático aparece nalgúns dos seus debuxos cos que ilustraría algunhas revistas. Trátase da referencia ao sexo, ben dunha maneira direta ou ben a través da paradoxa. O sexo coma compoñente do desexo, do amor ou da perversión, coma un dos motores fundamentais do xénero humano pasará a ser un dos temas recorrentes na súa obra tanto iconográfica coma conceptualmente.
Fonte: Fundación Granell