Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Philip West. Metamorfose da imaxe poética

Atalaia

Philip West. O explorador e o sastre, 1997. Óleo/lenzo, 73 x 116 cm
> Philip West. Metamorfose da imaxe poética
Datas: 29/07/2011 - 30/09/2011

Artistas

Philip West

Descrición

Philip West. Metamorfose da imaxe poética, ofrece un percorrido pola última etapa artística e vital deste pintor británico, destacado representante do movemento surrealista. Organizada pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración coa Fundación Granell, reúne un total de 22 pinturas e debuxos procedentes da importante colección que o propio artista, amigo de Eugenio Granell, legou á devandita fundación.

A mostra, comisariada por Pilar Corredoira, exhibe 16 pinturas e seis debuxos que Philip West realiza en Zaragoza entre 1983 e 1996, sintetizando así o proceso de traballo que o artista desenvolve na última fase da súa vida. Nese período, a súa obra caracterízase pola simplificación das imaxes, os espazos labirínticos, a fragmentación de superficies e as viñetas xustapostas, explicando dun xeito poético a contraposición de ideas. A cor plana, a implantación dunha iconografía máis simple e rotunda e a destacada presenza do debuxo engrandecen a idea de West en torno á utilización da alegoría histórica.

A etapa de Zaragoza, cidade na que atopa o seu espazo e crea a maior parte da súa produción plástica, é fundamental na súa evolución artística. Comeza a introducir un maior número de obxectos en cada proposta e as dualidades existenciais (vida-morte, realidade-soño, natureza-máquina, home-muller...) sitúan a idea do antagónico nun lugar substancial da súa pintura. Na procura de reflectir a realidade mutante do ser humano, ubica o concepto de transformación “nesa fronteira onde se producen os cambios, amor-desamor, vida-morte, bolboretas e ras como símbolo de metamorfose”.

As 22 obras seleccionadas trasládannos, pois, ao final dunha traxectoria que, de xeito global, se caracteriza pola vehemencia ao representar os seus soños e pola militancia emocional no campo do surrealismo. Non en van, West opinaba que quizais a súa obra expresaba o que el era como individuo: “Aprecio tanto o que vivo esperto, como durmido”, aseguraba.

Philip West sentiuse atraído polo surrealismo dende moi novo, especialmente pola obra de Magritte, De Chirico e Max Ernst, e deixou constancia escrita da influencia que exerceron no seu pensamento André Breton, Octavio Paz, Proudhom, Luis Buñuel, Lewis Carroll ou os irmáns Marx, entre outros. A súa actitude independente e libre en extremo lévao a formular o seu traballo desde perspectivas persoais e vivenciais, “como un xeito de achegamento á vida”.

A súa andaina profesional comeza na década dos setenta, como parte do grupo que crea John Lyle en torno á revista La Transformación e uníndose máis tarde ao grupo surrealista Phases. Defensor do surrealismo automático, a súa obra fundaméntase nun coidado debuxo a través do que expresa con gran minuciosidade os detalles. Nas descricións emprega cores brillantes e a súa linguaxe tende á metamorfose.

Despois dunha primeira estadía en España, o pintor viaxa a Venezuela atraído pola flora e fauna do país americano, que deixa unha fonda pegada na súa obra reflectindo, ademais, a súa gran paixón pola natureza, coa ornitoloxía e o exotismo vexetal moi presentes na súa pintura.

Gran amigo de Eugenio Granell, en 1997 West toma a decisión de ceder á Fundación Granell unha ampla parte da súa obra xunto coa súa biblioteca persoal, formada por un importante fondo de libros, catálogos e revistas relacionados co surrealismo internacional.

Fonte: Casa da Parra / AGADIC