Un centenar de obras de Pablo Picaso (Málaga, 1881 - Mougins, Francia, 1973), chegan á Fundación Caixa Galicia en Santiago de Compostela grazas á colaboración coa madrileña Fundación Juan March. A través dunha colección encargada polo marchante francés Ambroise Vollard, descubrimos a Suite Vollard, cen gravados realizados por Picasso entre 1930 e 1936 para o propio marchante. Estamos ante unha das series de gravados máis recoñecidas de Picasso e de toda a historia da arte, comparable en calidade e extensión ás realizadas anteriormente por Rembrandt –a quen homenaxea- ou Goya.
Trátase dunha colección de estampas realizadas coas técnicas de augaforte, augatinta, augada, punta seca, buril ou rascador. Estas combinacións fan da serie unha escolma de gran riqueza, onde acusa a influencia da arte helénica e unha persoal mitoloxía sobre o binomio artista e modelo. Son gravados especialmente destacables pola acertada mestura entre técnica e temática, achegando unha profunda cohesión dentro da súa variedade. Catro seccións artellan a suite: 1. O taller do escultor, 2. A batalla do amor, 3. O Minotauro, e 4. Rembrandt. Cen gravados en total que evidencian a xenialidade do artista que concilia á perfección a euforia e a melancolía nunha especie de Grecia de outrora, imaxinada por el. Descóbrennos ademais unha parte importante da súa biografía, concretamente do apartado sentimental, deixando entrever alusións á súa separación da bailarina Olga Koklova, o amor prohibido coa moza Marie Thérèse Walter, ou a súa complexa relación coa fotógrafa surrealista Dora Maar.
Fonte: Fundación Caixa Galicia – Novacaixagalicia