O Auditorio de Galicia presenta a exposición do Sétimo Premio para Novos Artistas Auditorio de Galicia no que participan 40 artistas seleccionados. O resultado de gañadores é o seguinte:
- 1º Premio (6.500 euros): Federico Vladimir Strate Pezdirc, co vídeo Henry Hudson e o seu fillo (2011).
- 4 Accésits (1.500 euros cada un): Jacobo Bugarín, coa instalación Sen título (unha estrutura de listóns de madeira e tubos fluorescentes fucsias, ubicada nos aseos para homes do edificio) / Josetxu F. Cárcamo, coa pintura El mentiroso de mi vecino / Christian García Bello, con Todo ardió luminoso (pero no es suficiente), un traballo sobre a paisaxe que combina debuxo e escultura de parede / Horacio González Diéguez, coa instalación Sen título, cunha pantalla de leds, unha webcam acoplada e un ordenador nun dispositivo final totalmente estático.
Estes premios comezaron a celebrarse no ano 2001 nun momento en que os creadores do noso país tiñan escasas oportunidades de apoios económicos e institucionais que lle permitisen traballar nos seus proxectos. Asentados e moi queridos dentro do panorama artístico galego nesta edición estiveron dirixidos aos nados en Galicia e aos residentes menores de 40 anos a 31 de decembro de 2011. Tiveron que presentar unha obra orixinal e inédita e de entre todos os presentados o xurado elixiu 40 que son os que se poden ver nesta exposición. O premiado leva 6.500 euros mentres que os accésits, 1.500 euros cada un. Ademais, hai un Premio do Público que elixen os visitantes da exposición e que está valorado en 1.200 euros.
O xurado de expertos, diferente en cada convocatoria, selecciona tanto as obras que forman parte da exposición e da publicación como os premios con dotación económica. Neste ano 2011 formaron parte do xurado: Isaac Díaz Pardo, artista e empresario; David Chao Castro, crítico e profesor de Historia da Arte, Facultade de Xeografía e Historia, USC; Silvia García, vicedecana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Agar Ledo Arias, Responsable de exposicións do MARCO, Vigo; Miguel von Hafe, director do CGAC, Santiago; e José Víctor Carou, director-xerente do Auditorio de Galicia.
Toda a información relativa ao Sétimo Premio para Novos Artistas Auditorio de Galicia pódese atopar no catálogo dixital (textos, imaxes, cvs dos artistas, etc), na nova microweb presentada polo Auditorio de Galicia: http://www.e-auditoriodegalicia.net/premios2011/
Fonte: Auditorio de Galicia