A acción e a instalación, como disciplinas artísticas, son espello unha da outra. De feito, ambas as dúas están baseadas no mesmo principio de presenza; de presenza activa. Na performance, a presenza do artista; na instalación, a do espectador. Así, reflectidas unha na outra, instalación e acción toman direccións opostas pero superpostas, creando un eixe entre dous polos -o artista e o espectador- ao longo do cal existen infinitas posibilidades de interacción.
PRESENZA ACTIVA. Acción, obxecto e público componse de obras -na súa maioría novas producións específicas para este proxecto- que cobran significado nesta conxuntura. Performance e instalación conflúen, dentro dos espazos do museo, nunha paisaxe variada de instalacións dinámicas activadas polos artistas e/ou o público. Atopamos nun extremo propostas máis teatrais, nas que o espectador asume un rol pasivo; e noutro, aquelas nas que o público se involucra totalmente. En medio, diferentes posibilidades de relación entre ambas as dúas, e co espazo e a contorna que comprende a obra. Con excepción das pezas de John Bock e de La Ribot, o resto das obras son novas producións específicas para este proxecto. E en todas elas percibimos un territorio único, un lugar entre xéneros con relacións estratificadas, pouco habituais na práctica da instalación ou a performance pura.
Artistas & Obras:
Mads Lynnerup. Plastic Gymnastic
Alastair MacLennan. Lain Nail
Sergio Prego. Sin título
Carlos Rodríguez-Méndez. Residuo Boca
Thom Kubli. Record Attempt
Maja Bajevic. Slogans Remix. (Performers: Basheskia & Edward EQ)
Gary Hill. Writing Corpora (working title)
John Bock. Vas-y!
SUE-C + AGF. Infinite Jest
La Ribot. Laughing Hole
Máis información: http://www.marcovigo.com/content/presenza-activa
Fonte: MARCO