PROJECT MOSCOW é un proxecto comisariado por Alberto Carton e concibido como obra única, formada por catro videocreacións que mostran as experiencias na capital rusa de catro artistas: Marta Alvim, Christian García Bello, Jacobo Bugarín e Federico Vladimir Strate Pezdirc.
PROJECT MOSCOW é unha exposición concibida como unha obra única, formada por catro videocreacións que mostran as experiencias na capital rusa de catro artistas: Marta Alvim (O Porto, 1979), Christian García Bello (A Coruña, 1986), Jacobo Bugarín (Santiago de Compostela, 1983) e Federico Vladimir Strate Pezdirc (Bos Aires, 1983). Durante varios meses percorreron, gravaron, fotografaron e viviron a cidade de Moscova a través das súas rúas e habitantes.
O resultado foi a creación dunha obra en vídeo por cada un dos artistas participantes, producidas por 9THE13LAB, e un documental sobre o proxecto realizado polo cineasta Rogelio Fernández e o compositor Ismael Berdei. PROJECT MOSCOW presentouse ao público por primeira vez en decembro de 2012 no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC). No caso do MARCO, o proxecto exhíbese en formato vídeo monocanle, no espazo do salón de actos.
PROJECT MOSCOW funciona como vértice no que converxen as sensibilidades de catro artistas, dende a inquietude suscitada por un ámbito urbano descoñecido para todos eles. Neste proceso, interiorizan e expoñen elementos non só creativos, senón tamén de reflexión individual sobre a pegada psicolóxica da percepción e o seu reflexo na plástica e na videoarte. A idea do desprazamento a un espazo xeográfico descoñecido ábrese a factores nos que o individuo se converte en protagonista actoral da súa propia existencia.
A particularidade deste proxecto é o tratamento colectivo dunha acción artística nunha cidade allea que, malia a súa aparente uniformidade de criterio, é profundamente variable ao conxugar as personalidades de catro individuos. Os resultados, dende unha mesma localización, fannos tomar conciencia dos diferentes estados anímicos, da súa influencia no subconsciente, da transmisión de conceptos entre a sensibilidade, a percepción e a súa conversión en linguaxe.
Abordar un proxecto dende a distancia, sen a influencia inmediata da contorna, sumerxe á persoa nun estado case de ensoñación, onde o principal amarre, o respiro e a seguridade, proceden dun mesmo para poder enfrontarse ao caos externo, á agresión do estraño.
Nas catro propostas artísticas de PROJECT MOSCOW, a introspección, a análise, o proceso de investigación, a aceptación do desencontro dende o encontro, xeran un resultado que se estrutura en torno á dependencia da memoria, do inmaterial, e da xustificación dun mesmo ante unha sociedade despoxada da seguridade máis cotiá ou inmediata.
Fonte: MARCO
Christian García Bello. Los 3 estanques. 2012. Vídeo HD. b/n. Son. 8' 25''