Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
A Fundación Barrié presenta o seu novo proxecto cultural e educativo: Rafael Moneo. Unha Reflexión Teórica dende a Profesión. Materiais de arquivo 1961-2013, a primeira gran retrospectiva do arquitecto. A exposición, comisariada por Francisco González de Canales da Architectural Association de Londres, é unha produción propia da Fundación Barrié, organizada en colaboración co estudio de Rafael Moneo.
A mostra sitúase no marco da liña expositiva da Fundación dedicada á Arquitectura, seguindo exposicións anteriores adicadas a Mies Van der Rohe, Le Corbusier, David Chipperfield ou Gonçalo Byrne.
A exposición organízase en cinco seccións biográficas que abordan toda a súa carreira, onde se amosarán 46 proxectos a través de 18 maquetas, entre as que se encontra a do Museo Nacional de Arte Romana (Mérida), unha das súas obras máis emblemáticas; 142 fotografías e 98 debuxos orixinais.
A selección de materiais pon especial énfase na importancia do debuxo como ferramenta fundamental da cal o arquitecto se valeu para desenvolver o seu traballo e como medio para definir o seu pensamento. Acompañan aos debuxos, maquetas e fotografías do arquivo que axudan a ilustrar as obras seleccionadas. Esta é a primeira ocasión en que un conxunto tan significativo de debuxos orixinais ven a luz para amosar o oficio e o pensamento de Rafael Moneo.
Dende a primeira obra exposta na mostra, a súa proposta para a Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela (1962) que lle valeu o Premio de Roma, a arquitectura de Rafael Moneo ten demostrado resistir a tentación de crear un estilo recoñecible propio ou de caer demasiado facilmente nas tendencias de cada época, implicando profundamente os seus proxectos coa problemática específica á cal se enfrontan. É difícil tamén separar os escritos e docencia de Rafael Moneo do seu propio traballo profesional como arquitecto. Ideas sobre composición, tipoloxía, construción ou lugar ocuparon un plano relevante ao longo da súa carreira. Mais é quizais a reflexión sobre como os edificios se engarzan coa historia da arquitectura e da cidade a reflexión pedagóxica que resultará máis determinante no desenvolvemento do seu traballo e o de distintas xeracións de arquitectos educadas por el.
Rafael Moneo: Unha Reflexión Teórica dende a Profesión. Materiais de arquivo (1961-2013) narra a historia profesional dun arquitecto que buscou definir unha aproximación ao proxecto arquitectónico sobre unha base disciplinar estable no medio das condicións cambiantes da súa época, tomando o difícil posicionamento de reivindicar a arquitectura como cultura e como forma específica de coñecemento. Esta narración non só estende ante os nosos ollos a obra dun arquitecto en particular, senón que tamén reflicte unha parte importante da historia da arquitectura recente a través da súa ollada. Dende as tendencias organicistas e estruturalistas dos 1950s-60s, aos discursos italianos sobre a cidade nos 1960s-1970s, á ansiedade teórica dos arquitectos da costa este americana nos 1970s-1980s, á creación do star system global dos 1990s, a exposición amosa nas súas cinco seccións biográficas como o arquitecto resiste, reflicte e absorbe estes intereses diversos da súa época para conformar unha reflexión cultural propia. Hoxe en día, tras os excursos interdisciplinares das últimas dúas décadas, a revisión da carreira de Moneo aparece como unha ocasión oportuna para discutir cal é o traballo do arquitecto, que pode ofrecer á sociedade da súa época e que tipo de coñecemento implica.
Fonte: Fundación Barrié