Reencontros é a primeira dunha serie de exposicións que a Galería Marisa Marimón realiza con distintos artistas que traballan ou traballaron coa galería, establecendo un dialogo entre as distintas obras e expresións artísticas, co propio espazo. Nesta ocasión reuníronse obras de tres artistas que, mália seren moi distintos, únelles a coherencia e a seriedade do seu traballo.
Alfredo Alcaín (Madrid 1935), é un artista que ten reinterpretado o Pop-Art combinándoo co realismo crítico e cara formas próximas á abstración cubista. Na súa última etapa, acolle unha esencialidade de liñas e formas, tomando a xeometría como eixo e disciplina.
Ignacio Basallo (Ourense, 1952). As esculturas deste artista, fiel á madeira, incorporándolle cor e pezas metálicas a xeito de ensamblaxes, son o resultado dun diálogo entre a realidade e súa interpretación, dando como resultado unhas formas poéticas, a medio camiño entre a abstración e a evocación.
Alberto Datas (A Coruña, 1935 - Madrid, 2007). Nas súas obras déulle protagonismo á pincelada, texturas, cores brillantes superpostas e a mixtura de imaxes con letras, outorgándolle ao seu traballo un vitalismo aberto a distintas interpretacións.
Fonte: Galería Marisa Marimón