Atalaia

Ricard Terré. Autorretrato, Vigo, 1962
> Ricard Terré. Obras mestras
Datas: 20/05/2011 - 30/10/2011

Artistas

Ricard Terré

Comisariado

Chema Conesa

Descrición

A Fundación Barrié de la Maza presenta unha exposición retrospectiva sobre o traballo do fotógrafo Ricard Terré (Sant Boi de Llobregat, 1928 - Vigo, 2009), cun percorrido antolóxico formado por 120 fotografías de diferente formato seleccionadas polo comisario Chema Conesa. A mostra, producida en colaboración coa empresa cultural La Fábrica, supón unha relectura da obra deste catalán -instalado en Vigo desde 1959 até o seu pasamento-, que abandonou a fotografía durante case tres décadas antes de proseguir, cunha ollada inmutable, unha obra que comezara nos cincuenta, formando parte do grupo AFAL, e que hoxe se redescobre asombrosamente moderna, unha das máis modernas da fotografía española.

Terré utiliza a fotografía para espallar a súa ollada irónica, o seu sentido do humor e obter un retrato do seu contorno no que explica a si mesmo a condición humana cunha ollada de impecable elegancia, empatía e calidade sentimental. A súa persoalísima técnica, caracterizada polos encadres arriscados, os contrastes acentuados e a busca da proximidade cos modelos, convérteo nun ensaísta da fotografía cunha ollada subxectiva na procura da alma máis aló da faciana ou da crenza máis aló do rito.

Fonte: Fundación Barrié de la Maza