Atalaia

Ricardo Basbaum. Serie Me-You. 2007
> Ricardo Basbaum. Diagramas
Datas: 28/06/2013 - 06/10/2013

Descrición

Diagramas é a primeira mostra que reúne esta serie de obras de Ricardo Basbaum (São Paulo, 1961) no mesmo espazo expositivo. Creados a partir de 1994, constitúen unha memoria do corpo organizada mediante dispositivos visuais e conceptuais que funcionan como unha membrana entre o eu e o ti na construción de novas capas sensoriais e perceptivas. O tránsito entre imaxe e escritura, que define formalmente estas obras, apunta cara ao posicionamento deste autor no sistema da arte, ao reivindicar a posibilidade e a necesidade de expandir a actividade artística integrando outros campos disciplinarios, teóricos ou prácticos. 

Reinterpretando de xeito crítico o pasado da arte brasileira dos anos sesenta, principalmente as liñas de traballo conducidas por autores como Lygia Clark e Hélio Oiticica, que presupuñan unha implicación do espectador en experiencias sensoriais expandidas, Ricardo Basbaum propón un mecanismo de interacción onde máis que a un espectador, apélase a un participante, no que el mesmo denomina unha “participación pos-participativa”. Este proceso non só axuda a redefinir o papel do participante, senón que sitúa o artista nun lugar menos estático, de xeito que este constante tránsito resulta nunha negociación entre a determinación conceptual dos proxectos e a fluidez construída a partir das subxectividades integradas dos participantes.

Así, en Você gostaria de participar de uma experiencia artística?, unha obra iniciada igualmente en 1994, Ricardo Basbaum propón que un obxecto sexa recollido por persoas que convivirán con el durante un determinado período de tempo dándolle os máis diversos usos, que logo serán documentados nun sitio web propio (http://www.nbp.pro.br). Na exposición do CGAC, ese obxecto fará o seu percorrido a partir do espazo institucional, retornando coa documentación producida entrementres polos seus usuarios, creando unha trama de circulación contextual e específica, xa sexa a través de discurso, de imaxes, de coreografías ou de situacións por definir. 

Consciente das dinámicas conservadoras que a pesar de todo definen o territorio da arte, onde artista-museo-crítico-galería-espectador se organizan en movementos bastante previsibles, Ricardo Basbaum parte frecuentemente da institución como lugar privilexiado para desenvolver un proxecto que ten a súa filiación naquilo que convencionalmente se denomina crítica institucional, exactamente na medida en que obriga os axentes a reposicionarense nunha fluidez fronteiriza na cal as responsabilidades do creador e o receptor se dilúen.

Parte fundamental do proxecto que agora se presenta son as conversas colectivas que se producirán a partir do taller que Ricardo Basbaum dirixirá no CGAC; tal e como él as describe son “accións que buscan integrar a escritura e a súa emisión sonora a través da voz e da fala, en relación cos distintos niveis discursivos que están presentes na obra de arte contemporánea. Construídas sempre en grupo, de maneira multivocal e polifónica, e buscando actuar no campo de emisión rítmica da instalación presente no espazo expositivo ―xunto aos diagramas e os obxectos―, as conversas colectivas desenvólvense en tres etapas: elaboración conxunta dun documento a partir de encontros de conversación e escritura, lectura pública do documento, conxuntamente, no espazo expositivo e gravación en audio da lectura pública e incorporación á exposición como peza sonora.

Fonte: CGAC

Você gostaria de participar de uma experiencia artística?

Entrevista a Ricardo Basbaum