Atalaia

Roberto González Fernández. San Sebastián. 2012
> Roberto González Fernández. San Sebastián
Datas: 24/01/2013 - 08/03/2013

Descrición

En San Sebastián Roberto González Fernández presenta sete dos trinta e tres óleos que forman parte da serie DEAYM (De Amor e Morte). Nas pezas o artista retrata a personaxes quecoñece representados segundo a iconografía do citado mártir, con frechas atravesando a cada un deles. Pero esa morte aquí tórnase distinta, perdendo a súa parte tormentosa, xa que quen a sofre son persoas de carne e óso, que desmitificadas expresan dor e pracer ao mesmo tempo e conmóvense ante esta situación tan ambigua como é formar parte dunha iconografía clásica reinterpretada de forma tan especial. Unha cerimonia onde o amor está moi presente, xa que cada un dos representados cruza as mans sobre o peito, o que en linguaxe de sordomudos significa querer. Por outra banda, a riqueza das paisaxes que rodean estes “heroes contemporáneos”, está íntimamente relacionada co carácter do modelo, e transmítenos unha información adicional que visualmente resulta espectacular.

Complementan os óleos a augaforte I Love You IV, que é a base da serie completa: un personaxe vestido de medio corpo cos ollos pechados, cruza os seus brazos sobre o peito mentres unha saeta atravesa o pescozo e outras dúas, as mans.

Roberto González Fernández (Monforte de Lemos, 1948) estuda na Escola de BB.AA. de San Fernando de Madrid entre 1969 e 1974. Tres anos despois trasládase a Edimburgo, lugar que se converterá nun dos escenarios fundamentais da súa vida e obra -xa que reside e traballa dende 1982 entre a capital escocesa e Madrid-, sen perder o contacto coa súa Galicia natal, onde realiza exposicións puntuais. En 1984 otórganlle unha bolsa da “The New York Foundation for the Arts”. A súa traxectoria é moi prolífica, con múltiples mostras individuais e colectivas. En 2007 realizou unha exposición antolóxica “Punto e Seguido” presentada no Centro Torrente Ballester de Ferrol onde se exhibiron unhas trescentas obras do seu amplo catálogo que abarcaban un período de corenta anos de traballo.

A súa obra forma parte de importantes coleccións galegas (Centro Galego de Arte Contemporánea, Colección Novagalicia Banco, Deputación da Coruña, Museo de Belas Artes da Coruña), escocesas (Edinburgh City Art Center, Museo Hunterian e Museo Kelvingrove de Glasgow) e españolas (Fundación Argentaria, Comunidad de Madrid), así como outros centros de arte no mundo (Colección Forbes de Nova York e o Museo Vitoria & Albert de Londres), entre outras.

 

 

Texto: Cristina Moreiro Da Costa

Fonte: Galería Espacio 48