Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Roberto González Fernández. Vírgenes descuidadas

Atalaia

Roberto González Fernández. Vista de 5 obras da serie Vírgenes descuidadas, 2011. Óleos sobre lenzos. 35 x 21 cm cada unha
> Roberto González Fernández. Vírgenes descuidadas
Datas: 15/12/2011 - 27/01/2012

Descrición

A Galería Espacio48 presenta a exposición Vírgenes descuidadas, de Roberto González Fernández (Monforte de Lemos, 1948), na que o artista residente en Edimburgo (Escocia), aborda un tema delicado e por desgraza de máxima actualidade, o da violencia de xénero. Neste grupo de -ata o momento- oito óleos sobre lenzo, aparece a muller representada pola cabeza dunha virxe do século XVIII, alzada por unha man masculina. Con isto pretende facer un alegato contra a violencia machista e retratar á muller dominada pero ao mesmo tempo preparada xa para a súa liberación. Así, cada unha delas aparece acompañada dun contido alegórico positivo: unha hipopótamo como símbolo da maternidade na mitoloxía exipcia, o coral como protección no Renacemento ou a loba que aleita a Rómulo e Remo nas orixes de Roma como fonte de vida, elementos todos eles claramente esperanzadores. Como complemento aos óleos, expóñense tamén catro fotografías dixitais de gran formato sobre a mesma temática, así como unha mostra de pequenos fotocolaxes compostos por fotografías dixitais intervidas.

Roberto González Fernández (Monforte de Lemos, 1948), estuda na Escola de BB.AA. de San Fernando de Madrid entre 1969 e 1974. Tres anos despois trasládase a Edimburgo, lugar que se converterá nun dos escenarios fundamentais da súa vida e obra -xa que reside e traballa dende 1982 entre a capital escocesa e Madrid-, sen perder o contacto con Galicia, onde realiza diversas exposicións. En 1984 recibe unha bolsa da The New York Foundation for the Arts. A súa traxectoria é moi prolífica, con múltiples mostras individuais e colectivas. En 2007 levouse a cabo a exposición antolóxica Punto e Seguido presentada no Centro Torrente Ballester de Ferrol, onde se exhibiron unhas trescentas obras do seu amplo catálogo que abarcaban un período de corenta anos de traballo. A súa obra forma parte de importantes coleccións galegas (CGAC, Colección Caixanova, Deputación da Coruña e Museo de Belas Artes da Coruña), escocesas (Edinburgh City Art Center, Museo Hunterian e Museo Kelvingrove en Glasgow) e españolas (Fundación Argentaria e Comunidade de Madrid), así como outros centros de arte no mundo (Colección Forbes de Nova York e Museo Vitoria & Albert de Londres), entre outras.

Texto: Cristina Moreiro Da Costa

Fonte: Galería Espacio 48