Warning (512): /var/www/html/cultura/html/atalaia/cakephp/app_web/tmp/cache/ is not writable [CORE/cake/libs/cache/file.php, line 267]
Rubén Grilo. PowerPoint Karaoke

Atalaia

Rubén Grilo, Facelo contrario é unha forma de imitación, 2011. Proxeccións PowerPoint en bucle, mesa de vidro e obxectos varios
> Rubén Grilo. PowerPoint Karaoke
Datas: 24/06/2011 - 28/08/2011

Artistas

Rubén Grilo

Descrición

A exposición de Rubén Grilo (Lugo, 1981), é a terceira do ciclo Entrar na obra, que se desenvolve ao longo de varios meses nas salas do primeiro andar do MARCO, e cuxo título está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo Entrare nell’opera (1971). O paradoxo que rodea o concepto de espectador e que o sitúa entre a pasividade e a acción é o punto de partida desta serie de proxectos, que analizan ao público, ao visitante, ao espectador, á audiencia, como un elemento inherente á obra.

Rubén Grilo utiliza estratexias conceptuais e narrativas para cuestionar dende a arte o estatuto dos obxectos e as imaxes, a través de medios tan diversos como o software de presentación gráfica, a proxección láser, os obxectos atopados, a performance ou a instalación.

O título da exposición, PowerPoint Karaoke, fai referencia a un evento, organizado polo colectivo berlinés Zentrale Intelligenz Agentur en 2006, que consistía en presentacións de PowerPoint feitas con material máis ou menos aleatorio, na súa maior parte sacado de Internet, que os participantes non coñecían e que tiñan que explicar á audiencia en tempo real. Baixo unha aparencia divertida, formulábase unha crítica ao PowerPoint como medio estándar de transmisión de ideas, aprendizaxe e factor determinante na toma de decisións.Utilizando esta historia como argumento central, Grilo reverte a idea do museo como espazo oficial de distribución de coñecemento, enfrontando á audiencia a un crebacabezas aparentemente desartellado de imaxes proxectadas, obxectos, citas, documentos, referencias a outros artistas e analoxías formais.

O traballo de Grilo, que bebe das fontes do conceptual, explora a arte como un instrumento válido para xestionar aquilo que non coñecemos, incorporando o ruído como parte da comunicación co espectador e analizando o xeito en que tecnoloxías da imaxe, códigos culturais, información, display, intuición, representación e cognición, participan positiva e negativamente na construción da realidade.

Orquestradas a partir desta premisa, as pezas de Grilo móvense entre o absurdo e o inevitable recoñecemento de imaxes vinculadas a un contexto cultural particular, intensificando a relación do espectador co medio visual, incorporando capas inesperadas de información, referencias a outros artistas, asociacións de ideas e elementos crípticos que chocan, se entrelazan e se dispersan no momento da súa recepción.

A presentación PowerPoint en bucle, o soporte elixido para a maioría das pezas en exposición, dálle a oportunidade de revisar a idea moderna de autonomía das imaxes a través dun medio cuxos códigos son coñecidos polo público. Outro aspecto interesante do PowerPoint -con relación ao vídeo- é que a pesar da súa dimensión temporal, o contido é modificable por definición, pois a súa integridade non está baseada na fisicidade senón no concepto xeral que agrupa unha serie de textos e imaxes, que son intercambiables. Ten que ver coa oralidade, coa comunicación, coa velocidade á que se transmiten e interpretan as ideas, coas asociacións, e co cognitivo. O xiro respecto a un uso normal do PowerPoint é que neste caso non hai un orador que narre as imaxes, que lles dea sentido e faga as asociacións. A idea de PowerPoint Karaoke explica ben que neste caso é o espectador o performer ou o encargado de tomar esas imaxes e recompoñelas ou interpretalas para que lle sexan útiles.

O uso da tecnoloxía de proxección láser, presente en dúas animacións controladas por ordenador, é outra das liñas de investigación de Grilo. Respecto a estas obras, o artista faise eco da seguinte reflexión: ‘Todo o invariable nunha transformación ofrece información sobre o obxecto, e todo o variable ofrece outra información, como a relación de quen percibe co obxecto. Cando atendemos ás constantes, percibimos obxectos; cando atendemos ás variacións, obtemos sensacións."

A exposición inclúe a instalación titulada A cuarenta y un metros y cuarenta centímetros de lo mismo, 2011, na que dous obxectos similares pero de tamaño diferente se perciben como iguais ao estar suficientemente separados entre si; e unha colección de obxectos atopados -El beneficio del ignorante, 2009-2011- cuxa particularidade é que, a pesar de estar deseñados con algún propósito evidente, o artista descoñece a súa utilidade.

Finalmente, a obra titulada Un museo alternativo, 2010, que se fai visible máis alá das salas de exposición, consiste en cambiar o logotipo do MARCO e substituír o orixinal nos distintos soportes de comunicación -páxina web do Museo, rotulación, papelería, sinalética- durante o tempo que dure a mostra, como unha especie de ficción dun mundo paralelo condensado no deseño dun logo.

Fonte: MARCO, Vigo